Comeza con forza o conxunto mariñán, ordenados en defensa e xerando perigo en transición ofensiva, e cunha transición no minuto 2 Malaguti anota o primeiro gol do encontro. No minuto 6 Mika, que ocupa os paus con motivo da convocatoria de Michal Kaluza coa selección polaca, tira á cruceta. Durante os primeiros 10 minutos o Pescados Rubén móstrase cómodo, con algunha ocasión clara en transición e en situación con incorporación do porteiro. A partir do minuto 10 o equipo burelense comeza a decaer un pouco o ritmo, aumentando o dominio do equipo catalán pero sen ocasións. Remata o primeiro tempo 0-1 no marcador.
Na segunda parte volve espertar o Pescados Rubén Burela FS, o conxunto rival practicamente non consegue xerar a partir do posicional. Un partido bastante igualado pero con moitas máis ocasións para o equipo laranxa, que nesta ocasión xoga co equipamento verde. O Sala 5 Martorell non consegue crear case ocasións claras cun Mika moi tranquilo ata que chega a presión en ataque por parte do rival co porteiro-xogador. No minuto 32 chega o 0-2 nunha situación de falta desde os 12m que tira Ismael enchufándola na portería local. Tras un par de situacións moi claras para pechar o partido, un tiro ao traveseiro de Nico Rosental e dúas situacións de Lucho só ante o porteiro, que non logra finalizar con éxito, no minuto 33 Adrián Sánchez saca o porteiro-jugador e no 36 chega o 1-2, cun axustado disparo desde a frontal de Dani Castro. Continúa o xogo de 5 e chega o 1-3 cun lanzamento longo de Lucho a portería baleira. A falta de 50 segundos nunha situación de ataque con porteiro-xogador Arnau consegue recortar distancias en situación de xogo de 5. Remata o encontro cun 2-3 nunha das pistas máis complicadas da Segunda División de Futsal nesta tempada.
Tras unha longa viaxe de 10-11 horas, o conxunto de David Rial prepárase para o último partido antes do parón de Nadal (aínda que o penúltimo da primeira volta), o vindeiro venres día 22 no Pavillón Vista Alegre de Burela ás 16.30h ante o Levante, partido que será teloneiro da Gran Final da FutsalWEC, final que esperamos que as súas compañeiras, as Guerreiras Laranxas, disputen ese mesmo día ás 20.00 da tarde na bombonera da Familia Laranxa. Espérase unha gran acollida por parte da afección que sempre está aí, nos principios e nas finais.
Ficha Técnica Sala 5 Martorell – Pescados Rubén Burela FS
Sala 5 Martorell (2): Toledano; Rubén, Rober, Jon, Mármol -quinteto inicial-, Arnau, Javi, Dani Castro, Abdel, R. Bermusell, Héctor, Guillem, Iván, Laca.
Pescados Rubén Burela FS (3): Mika; Lucho, Quelle, Isma, Malaguti -quinteto inicial-, Nico Rosental, Alberto, Flethes, Charly, Ismael, Iago López, Unai.
Goles: 0-1, min.2: Malaguti. 0-2, min.32: Ismael. 1-2, min.36: Dani Castro. 1-3, min.39: Lucho. 2-3, min.39: Arnau.
Árbitros: Ander Garrido Cordon, Borja Reguera Prieto, Jordi Rodríguez Molina, Nerea González Torres.
TA: Marc Mármol, Iván Calle Zapata, Rober, Lucho, Charly.