Os socialistas presentaron unha Proposición non de Lei que se debaterá no Pleno da Cámara galega a vindeira semana reclamando á Xunta que volva á senda do diálogo co Goberno central para transferir as competencias sobre litoral dentro do marco xurídico
Lugo, 3 de decembro de 2023. O Secretario Xeral dos socialistas na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliña que coa Lei do Litoral, a Xunta demostra unha vez máis que é “un Goberno politicamente inútil, que só busca atacar ao resto de administracións, neste caso á do Estado, porque pensa que lle dá votos”. E a esta “táctica de confrontación permanente” responde a comparecencia da Conselleira de Medio Ambiente anunciada para este luns no Parlamento de Galicia en relación coa ordenación do litoral, “que non intenten enganar máis”.
As intencións do Partido Popular “quedan claras”, xa que, “podendo optar por unha vía rápida, legal e segura para a transferencia de competencias en ordenación e xestión do litoral, decidiu premeditadamente complicar e alongar o proceso impoñendo unha norma, sen diálogo, nin seguridade xurídica”, asegura José Tomé.
“É evidente que o Partido Popular non quere as competencias. Só busca escusas para arremeter continuamente contra o Goberno de Pedro Sánchez para tratar de sacar rédito electoral, ao máis puro estilo Ayuso”. De feito, lembra o socialista, a Xunta empezou a reclamar esta competencia hai só uns meses, “pero non se lle ocorreu facelo durante os 7 anos en que coincidiron gobernos do PP no Estado e en Galicia”. Mentres, “dende o PSdeG si que levamos demandando este traspaso dende a época do presidente Touriño. Debe facerse, pero debe facerse ben”.
Para conseguir este obxectivo e facelo da maneira “correcta e legal”, o grupo parlamentario dos socialistas presentou unha Proposición non de Lei que se debaterá no Pleno da Cámara galega a vindeira semana reclamando á Xunta que volva á senda do diálogo co Goberno central para buscar solucións, garantindo a viabilidade e a seguridade xurídica da cadea mar-industria, do resto das empresas e traballadores, así como do conxunto dos galegos e galegas.
Lembran que o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso de inconstitucionalidade que presentou o Goberno en base a un ditame do Consello de Estado en relación coa Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, e ao mesmo tempo suspende a aplicación do 40% da norma.
“Galicia non merece un Goberno que sempre busca liortas”, como fai coa transferencia de competencias do litoral, pero como “é a tónica habitual do PP, sempre atacando aos concellos, ás deputacións e ao Goberno do Estado botándolles a culpa da súa propia ineficacia. Ocorre coa chapuza monumental do proxecto para a Ronda Leste, co Plan Paradai, coa Vía de Alta Capacidade Costa Norte, da que non fixo un metro máis dos que deixou licitados Touriño, co acceso ao Porto Seco de Monforte, e cos recortes para o desdobramento corredor Lugo-Sarria-Monforte ou para a estrada do Courel”.
Fronte a un Goberno que “crea problemas donde non os hai”, “Galicia necesita e merece un Goberno útil, dialogante, con proxecto e eficaz, como o que ofrecemos os socialistas con Besteiro”, subliña o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo.