Site icon Crónica3.com A Mariña

“Sobre a mala educación e unha sentenza”, por Fran Cajoto

Cada vez somos máis habitantes, esa é a verdade, pero Foz non deixa de ser unha vila. Algo máis de dez mil persoas que nos coñecemos e nos saudamos na rúa, nunha cafetería ou no centro de saúde. Hai persoas maleducadas, pero moitas máis amables. E humildes e traballadoras.

Vimos de oír -e sufrir en moitos casos- unha serie de cualificativos altisonantes, faltas de respecto e ameazas mal tiradas. Nada novo: quizais si na intensidade, no artificial do ton e na rudeza dos termos. Unha pequena relación: “O alcalde rise dos veciños”. “Non sabemos que lles pasa pola cabeza”. “Iremos ao valedor do pobo”. “Dende o Partido Popular seguiremos a denunciar os atracos”. “Sablazo do señor Cajoto”. “Auténtica animalada”. “Xoves negro”.

Ou o inestimable “consello” que unha concelleira socialista tivo que soportar no último pleno: “si está traumatizada vaia a unhas clases de mentorización e de coaching”. E traumatizados, por estas palabras. seguimos.

É máis sinxelo -e cansa menos- insultar que argumentar. Nun mundo crispado case temos normalizada a falta de educación e o exabrupto, o cal resulta incluso perigoso. Da oposición chegamos a escoitar que é preciso aumentar as inversións e reducir os impostos e prezos. O continuo discurso da demagoxia.

Pero vaiamos aos feitos, á realidade: o 29 de abril do ano 2022 a Deputación de Lugo adxudicaba á empresa pública TRAGSA o aglomerado do estacionamento do Pico do Castro, fronte ao cemiterio de Foz, unha obra que solicitamos dende o Concello. O popular Javier Jorge Castiñeira denunciaba ante a xustiza esta adxudicación, poñendo en evidente risco o arranxo dunha área de aparcamento moi empregada.

O día 17 do pasado mes de novembro deste ano 2023 o xulgado contencioso/administrativo número 2 de Lugo desestima a demanda interposta polo señor Castiñeira, obrigándolle a asumir as costas. A obra, o arranxo do estacionamento, está ben adxudicada. Cabe recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contra a contratación dun aparcadoiro en Foz que beneficia a todos.

Os homes pasan, as súas obras permanecen. Excepto no caso, claro está, da Avenida da Mariña: tócanos a nós arranxala de novo.

Exit mobile version