Site icon Crónica3.com A Mariña

Sábado de arte, literatura, paisaxes e sabores para os participantes nas Xornadas Mar por Medio

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, clausurarán as Xornadas mañá, domingo 3, ás 14.30 horas

Ribadeo. Sabado, 2 de decembro de 2023. Os participantes nas Xornadas Mar por Medio gozaron este sábado en Ribadeo dun variado programa de actividades no que houbo tempo para mergullarse nas paisaxes, a literatura e os sabores do Camiño de Santiago, coñecer as vantaxes da dieta atlántica e gozar da gastronomía e o patrimonio da zona. O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC, Pablo Ramil, e a catedrática de Historia Medieval da Universidade de León, Gregoria Cavero, abriron o programa do día con senllas conferencias no auditorio Hernán Naval. A continuación, os participantes nas Xornadas desprazáronse ao centro sociocomunitario da capital ribadense para seguir as intervencións de Rosaura Leis, catedrática de Pediatría da USC, presidenta da Fundación Española da Nutrición e coordinadora da Unidade de Gastroenterología, Hepatología e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago, e de Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade de Kiel, e para coñecer e degustar a cociña de Antonio Botana, responsable do restaurante Ramonita e integrante do Grupo Nove.

Os actos trasladáronse despois ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes, na Ponte (Arante), monumento ligado ao Camiño do Norte. Tras unha visita guiada, Celia Castro Fernández, catedrática de Historia da arte da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón, falou dalgúns dos tesouros artísticos da Catedral de Mondoñedo.

Última xornada

As XVIII Xornadas Mar por Medio organizadas pola Academia Xacobea coa colaboración do Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela concluirán mañá, domingo 3, no auditorio Hernán Naval coas últimas intervencións do programa a cargo da xornalista e divulgadora da artesanía galega Elena Goyanes, o catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC, Rubén Lois; o presidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, Xosé María García Palmeiro, e o profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, John Rutherford. A continuación, ás 14.30 horas, celebrarase a clausura oficial, na que intervirán o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

Exit mobile version