No 2023 procedeu ao cambio de sete portas nese edificio
Ribadeo, 7 de decembro de 2023. Ribadeo investirá o vindeiro ano 50.000 euros na mellora do centro de día A Concordia, segundo subliñou o alcalde, Daniel Vega. Neste 2023 procedeu ao cambio de sete portas nese edificio.
O rexedor dixo que “cando chegamos ao goberno vímonos na obriga de actuar para mellorar o edificio, tamén escoitamos á dirección e aos técnicos que nos trasladaron que había unha falta de inversión e que había que solucionalo”.
Vega explicou que “no 2023 investimos 16.700 euros, cambiáronse xa as portas concretamente sete. E iso foi con cargo ao primeiro dos convenios coa Xunta de Galicia. O segundo convenio será no 2024 con 50.000 euros para seguir mellorando o edificio”.
O alcalde asegurou que “tamén queremos colaborar co propio centro nas actividades a desenvolver durante todo o ano e iso tamén é algo fundamental e algo importante. Entre o Concello, a dirección do centro e a Xunta de Galicia estamos a traballar e a avanzar en dúas liñas: actividades para os nosos maiores e tamén na mellora do edificio do centro de día A Concordia”.
Para Dani Vega “este traballo e esta colaboración é a que trae inversión para Ribadeo, unha colaboración con todas as administracións: Deputación, Xunta e Goberno do Estado, algo fundamental como é a coordinación, a planificación e a inversión”.