Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo aproba os orzamentos para 2024 que ascenden a 12,3M€

Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense

Ribadeo, 5 de decembro de 2023. Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.

O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250.000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10.000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40.000 euros; na residencia de maiores investiremos 20.000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11.000 a máis de 15.000 euros.
Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.

No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600.000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356.000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350.000 euros; aos que ai que sumarlle 95.000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120.000 euros”.

O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200.000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50.000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60.000 euros coa colaboración da Xunta”.

Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”.

O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.

Exit mobile version