Ribadeo, 26 de decembro de 2023. No salón de plenos do Concello tivo lugar unha recepción ao Club de Piragüismo Altrúan, de Ribadeo, en recoñecemento aos éxitos acadados neste 2023. @s seus deportistas conseguiron un total de 112 medallas: 60 ouros, 20 pratas e 32 bronces.
O acto foi presidido polo alcalde, Daniel Vega, e pol@s concelleir@s de Igualdade e Deportes, Begoña Sanjurjo e Francisco José Silvent.
Silvent contou que “o Altruán estivo representado polo seu presidente, José Ángel Fernández, xunto a adestradores e familiares de tres das súas piragüistas máis destacadas: Elena González, Manuela Lastra e Elena Justo, que conseguiron 8 metais (7 ouros e 1 bronce) no Campionato de España de Seleccións Autonómicas celebrado en Verducido o pasado mes de novembro. Elena Justo, Elena González e Manuela Lastra non se baixaron do podio en ningunha das probas nas que participaron”.
O edil de Deportes sinalou que “quixemos con este acto felicitar ao Club Altruán pola labor que está a realizar. E felicitamos tamén ás súas piragüistas, que seguen a recoller éxitos aló por onde compiten. Desde o Concello animámolas a seguir nesa liña, a do traballo, a da disciplina e a do esforzo para conseguir chegar ás metas máis altas que se propoñan”.