A área de cultura ratificou a aprobación de 338 achegas cun importe total de 375.000 euros para actividades, equipamento ou melloras de espazos
Entre as propostas financiadas esta anualidade inclúense clases de música e baile tradicional, obradoiros de teatro, narración oral ou pintura, documentais, publicación en papel, certames, xornadas sobre historia ou patrimonio, celebracións populares e outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial reciben financiamento a través desta convocatoria dirixida ao tecido asociativo e cultural de base.
Así mesmo, as axudas para investimentos centráronse na adquisición de moblaxe e materiais de uso técnico ou artístico necesario para o uso social e cultural dos locais das asociacións.
O importe das achegas oscila entre os 500 e os 3.000 euros, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria. A deputada Iria Castro lembrou que “dende a área de Cultura case se dobrou o orzamento respecto a anos anteriores, o que permitiu, ao mesmo tempo, practicamente duplicar o número de asociacións beneficiarias”.
“Estas iniciativas permiten garantir o acceso á cultura en todo o territorio, así como o uso da lingua e a promoción do patrimonio”, sinalou a responsable provincial.