Ribadeo, 11 de decembro de 2023. O salón de plenos acolleu a presentación do proxecto Mentalización e Sensibilización en Saúde Mental, da asociación Saúde Mental A Mariña, que organizará actividades nos centros de ensino de Ribadeo, Barreiros e Viveiro.
Desde Saúde Mental A Mariña a súa directora xeral técnica, Mª José Novoa, explicou que “eliximos este concello para presentar un proxecto novidoso, integrador, concienciador e de prevención. Este concello conta cun centro de rehabilitación psicosocial e laboral para persoas con enfermidade mental e que busca a integración dos mesmos na comunidade. Non hai máis que ver que nos elixira para deseñar e preparar con todo detalle e con moito máis cariño as cestas dos novos ribadenses”.
E subliñou que “o obxectivo do proxecto, que conta coa colaboración da Fundación La Caixa por segundo ano, é mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias e minimizar o estigma que supón padecer unha enfermidade mental, así como abordar as adiccións como un factor de risco claro no inicio das mesmas”.
Novoa sinalou que “este proxecto ten dúas liñas de actuación: a mentalización, traballar coas persoas con enfermidade mental e as súas familias onde se realizan grupos de psicoeducación, atención individualizada. Búscase lograr a maior autonomía e responsabilidade destas persoas no coidado da súa saúde para que poidan desenvolver un proxecto vital exitoso. E a sensibilización orientada a traballar cos alumnos e profesores de centros de educación infantil e primaria e institutos de ESO en Ribadeo, Barreiros e Viveiro para normalizar a enfermidade mental, favorecer o coidado, eliminar o estigma e os prexuízos existentes sobre ditas enfermidades, ao igual que o ano anterior estivemos a traballar en Burela, Foz e Cervo, tendo unha grande repercusión mediática e uns grandes resultados a pé de centros loitando así contra o tan temido estigma social”.
O proxecto inclúe a realización de diferentes actividades: “representaremos a obra de teatro contra o bullying Yo soy único, presentaremos o conto a Super_acción de Mauricio, creado polos usuarios da nosa entidade, de aí que siga participando o noso contacontos Lucas Requejo. Desexamos facer o mesmo en igualdade representando a obra Os soños de Adelina, loitando tamén contra o temido maltrato e violencia de xénero”.
A Super_acción de Mauricio, da man de Lucas Requejo, chegará este mércores, 13 de decembro, ao Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón a partir das 12 da mañá. Xunto a Requejo estarán Jorge Manchado Rivero e Alin Cristian López Esteban, da asociación Saúde Mental A Mariña, que estarán xunto aos 63 nenos e nenas que participarán desta actividade.
Mª José Novoa engadiu que “desde Saúde Mental A Mariña poñemos de manifesto a importancia da educación emocional nas aulas e por iso as nosas psicólogas irán polas aulas coidando tanto a saúde mental do alumnado e do profesorado. A infancia e a xuventude, son unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. A metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes do 14 anos e tres cuartos deles comezan antes dos 24”.
O alcalde, Dani Vega, manifestou que “este acto ten por obxectivo mentalizarnos e sensibilizarnos sobre a saúde mental. Hai que ser conscientes desta problemática para poñerlle solucións pouco a pouco. É un problema grave que debemos resolver entre as administracións, colectivos e asociacións, que facedes un traballo dunha importancia inmensa. A labor que facedes en Ribadeo no voso centro é exemplar”.
O rexedor dixo: “somos pioneiros en Ribadeo en apoiar esta actividade porque estamos convencidos de que debemos investir nas persoas, pero sobre todo nas persoas que teñen un problema que debemos resolver entre todos. Cando mesturamos sensibilización e mentalización a través da cultura é dar no quid da cuestión”.