“Os independentes de Por Viveiro, alegan que o documento non recolle os acordos de investidura entre o noso grupo e o PSOE de María Loureiro, a respecto do ano 2024 e ademais reduce o importe das axudas ao noso deporte”
Conforme ao acordo de investidura asinado no pasado mes de xuño co partido socialista de Viveiro con María Loureiro á fronte, comprometéronse en quince puntos con Por Viveiro a fin de obter o noso apoio na investidura. Os orzamentos propostos para o ano 2024 recollen só un dos quince puntos, e os puntos restantes non presentan ningún avance real para o seu cumprimento. Isto é claramente insuficiente para que Por Viveiro apoie os orzamentos municipais que por outro lado non foron negociados en absoluto con nós. Xa advertimos no inicio deste mandato, que o noso grupo non vai apoiar ningunha proposta que non sexa negociada previamente, e menos os orzamentos municipais que é o documento máis importante do noso Concello.
Así mesmo, os orzamentos recollen unha redución importante nas axudas correspondentes ás entidades e clubes deportivos do noso Concello. Ademais de non recibir as axudas correspondentes ao ano 2023, no ano 2024 reduciranse as cantidades globais a cada un dos clubes, o que consideramos inaceptable e que pon en risco a viabilidade e existencia de moitos clubes e entidades de Viveiro.
Bernardo Fraga, Portavoz dos Independentes declarou “Somos serios e rigorosos no noso traballo no Concello, e non imos aceptar que pola vía da imposición e polas presas do goberno local bipartito se nos intenten colar uns orzamentos que non reflexan o compromiso de investidura do PSOE con nós e con Viveiro, e menos coa quita que se lle fai ás entidades deportivas”
“Invito ao bipartito local a reflexionar sobre o seu proceder e a revisar o seu traballo e as súas relacións coas demais forzas políticas se non queren quedarse sen apoios”