Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón avanza que se ten a confianza para ser a próxima presidenta, Barreiros terá a depuradora que necesita por xustiza coa veciñanza

Barreiros, 28 de decembro, 2023. Nunha visita a Barreiros, Ana Pontón puxo en valor os grandes avances do equipo de goberno que encabeza a rexedora Ana Ermida, a gran transformación dos últimos catro anos que fai que hoxe o concello teña unhas finanzas encarriladas, unha política de benestar social centrada en atender ás familias e ás persoas; e un concello transparente, dialógante e coas portas abertas á veciñanza, “sinais de identidade dos gobernos BNG”.

Pero a visita tamén serviu para coñecer as necesidades máis urxentes, en particular en relación á depuración e ao saneamento, un problema herdado do Partido Popular que supón un lastre para o municipio porque a barra libre do PP ao caos urbanístico fixo que se construíran miles de vivendas sen control e sen os servizos necesarios.

A consecuencia é que Barreiros non ten un sistema de depuración e saneamento porque falta unha depuradora de augas residuais que evite os verquidos directos ás excelentes praias do concello, o que provoca un grave problema de saúde pública.

Partida para EDAR nos orzamentos

“O meu compromiso se teño a responsabilidade de ser a próxima presidenta de Galiza é asumir a construción dunha nova depuradora para Barreiros. E quero ser moi clara neste asunto: como presidenta da Xunta poñerei a disposición de Barreiros os fondos para construír a depuradora de augas que tanto precisa, porque é de xustiza con todos os veciños e veciñas. Por iso terán nos orzamentos a partida para construír a depuradora e, cun goberno liderado polo BNG, imos dar a solución a un problema gravísimo creado polo PP”, explicou.

Fronte a un goberno do PP que está discriminando aos veciños e ás veciñas de Barreiros, simplemente porque e un concello gobernado polo Bloque, “no BNG entendemos que ten que haber un trato igualitario, sexa cal sexa a cor política porque non se pode discriminar a ninguén por a quen vote”, indicou.

A depuradora precisa un investimento de 4 M€ que loxicamente non pode pagar a veciñanza, indicou, senón que debe ser asumida polo goberno da Xunta, e así o propuxo a formación nacionalista no Parlamento, proposta que foi votada en contra polo PP. “No Bloque defendemos que hai que tratar con xustiza a este concello e con equidade os veciños e as veciñas igual que ao resto de concellos do país”, concluíu.

Pontón mantivo un encontro co grupo de goberno, asinou no libro de visitas e fixo tamén un percorrido polos areais que están directamente afectados pola falta de depuración, acompañada da alcaldesa e da veciñanza que lle trasladaron a urxencia de darlle a Barreiros a infraestrutura de depuración que necesita.

Exit mobile version