Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco destaca en Barreiros a aposta do Goberno polo litoral galego cun investimento de máis de 900.000€ do Plan de Recuperación para melloras nas praias de Arealonga e Balea

O delegado do Goberno supervisou os traballos financiados polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico acompañado pola subdelegada do Goberno, a alcaldesa de Barreiros e a segunda tenente de alcaldes

Barreiros, 13 de decembro de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor no concello de Barreiros a aposta do Goberno de España pola conservación e mellora do litoral galego, cun investimento de máis de 900.000 euros do Plan de Recuperación para acometer melloras nas praias de Arealonga e Balea. Visitou o avance das obras acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a segunda tenente de alcaldesa, Carmen Veiga.

O delegado lembrou que os dous proxectos liderados pola Dirección Xeral para a Sostenibilidade da Costa e o Mar teñen como obxectivo recuperar o sistema dunar das praias, financiados cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “Comprobamos co avance das obras o compromiso do Goberno pola conservación dos recursos paisaxísticos e medioambientais da provincia, nomeadamente da comarca da Mariña”.

Nesta liña, Pedro Blanco incidiu en que “estas intervencións permiten recuperar e manter a gran riqueza natural predominante no concello de Barreiros, traballando sobre potenciais atractivos turísticos e mellorando estas zonas para toda a veciñanza”.

O delegado explicou que “a maior defensa do litoral son os proxectos en vigor, a asunción de competencias responsable, financiando e facendo realidade as necesidades que se fan notorias nas nosas costas, cunha xestión seria e con rigor”.

Actuacións nos dous areais

Os traballos na praia de Arealonga, cun valor de 556.140 euros, consisten na recuperación do ecosistema mediante a demolición de estruturas e pavimentos no sistema dunar, a erradicación de especies invasoras que supoñen unha importante ameaza, como é o caso da herba da Pampa, a posterior restauración de especies autóctonas e a protección e posta en valor do sistema dunar. Estanse a executar á súa vez novos accesos e melloraranse os existentes. Ademais, o proxecto completarase coa adaptación do edificio de servizos actual para persoas con mobilidade reducida.

No caso da praia de Balea, cun investimento de 347.500 euros, tamén se están a eliminar as especies invasoras, recuperando o sistema dunar mediante a reordenación ambiental e de accesos que protexa a contorna cunha plantación de especies de lento crecemento. Construirase así mesmo un peche perimetral de postes de madeira e reporase o pavimento danado polo paso do tempo e os temporais, creando un novo paso accesible cunha pasarela de madeira.

Exit mobile version