A institución renova así a colaboración para impulsar un dos grandes reclamos da cidade do Landro no Nadal, que atrae a milleiros de persoas e que ten un importante retorno económico para o municipio e a súa contorna
Explicou Tomé Roca que esta axuda contribúe a que este Belén “sexa diferente cada ano, porque permite ao Concello introducir melloras que permitan que este reclamo turístico siga sendo un dos grandes polos de atracción da nosa provincia no Nadal”. Lembrou que a Deputación traballa sempre “da man dos concellos, neste caso do de Viveiro” e que en materia turística o obxectivo “é favorecer que os visitantes cheguen durante todo o ano, non só no verán. Por iso son moi importantes as iniciativas que axudan a conformar unha oferta de calidade, sostible, que xera actividade económica e emprego”.
Pola súa banda, a Alcaldesa de Viveiro recalcou que o Belén Xigante “é un recurso que atrae a milleiros de persoas, cun importantísimo retorno económico para o municipio e para toda a contorna, sobre todo no que ten que ver co sector servizos, a hostalería e o turismo”.
O Belén Xigante de Viveiro conta cun centenar de imaxes a tamaño real, incluíndo animais e numerosas estruturas coas que se recrean escenas do nacemento, pero tamén da vida dunha vila con todo tipo de actividades.
Destaca pola súa beleza, a dimensión das pezas, e tamén por estar instalado no centro do casco histórico de Viveiro.