Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP vota no Parlamento Galego en contra da proposta socialistas de volver ao diálogo para acadar a transferencia do litoral dentro do marco xurídico

Patricia Otero aféalle á Xunta que teña tomado a “vía da unilateralidade” para provocar a confrontación co Estado que provoca a suspensión da Lei do Litoral de Galicia

Santiago de Compostela, 05 de decembro de 2023. A portavoz de Pesca e Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero criticou que o PP teña votado hoxe no Parlamento en contra da proposta do PSdeG que lle pedía á Xunta volver ao diálogo co Estado para acadar a transferencia da competencia sobre o litoral “dentro do marco xurídico”. Otero criticou o comportamento “populista e irresponsable” do goberno galego para provocar a confrontación co Estado.

Acusou á Xunta de obviar a defensa dos intereses de Galicia forzando un enfrontamento institucional a costa de provocar unha “gran inseguridade xurídica que termina pagando a cidadanía galega”. Otero criticou a “vía da unilateralidade” escollida polo goberno galego, que demostra que “non lles importa nada ter a competencia” do litoral, como demostraron durante os 7 anos nos que coincidiron Feijóo e Rajoy no goberno sen mover un papel con este obxectivo.

A parlamentaria socialista explicou que ao escoller esta vía forzaron un informe do Consello de Estado que alertaba dos riscos de inconstitucionalidade da norma, obrigando ao goberno a presentar un recurso diante do Tribunal Constitucional. O resultado é que hoxe o 40 por cento da Lei está recorrida, polo que ten a súa aplicación en suspenso e está convertida en “papel mollado”, co que “só lle crearon un problema á cadea mar – industria”.

Esixiulle ao goberno galego que “recapacite” e “volva á senda do diálogo” e da busca de solucións, garantindo a viabilidade e a seguridade xurídica da cadea mar industria, dos traballadores e traballadoras e da cidadanía. Subliñou que “o sector ben merece ese esforzo” por parte do goberno galego, que ten que “baixarse da burra e deixar ese empecinamento” en provocar a confrontación co goberno central “para sacar tallada de cara ás autonómicas”.

Otero reclamou unha “saída legal e segura” a un problema provocado polo propio goberno e o PP por calquera das tres vías xurídicas dispoñibles, e pediu “que escollan a que queiran dentro do marco constitucional e que deixen de manipular e enganar e de xerar falsas expectativas”.

Explicou que os socialistas optan pola reforma exprés do Estatuto, que ofrece maior seguridade, pero tamén é posible unha Lei Orgánica de transferencia da competencia ou a celebración urxente da Comisión bilateral Xunta – Estado, que viabilice o traspaso da competencia e que, lembrou, tamén pode convocar o goberno galego.

Salientou que a situación “non é moi difícil de resolver” e emprazou a “agardar uns meses” ata despois das próximas eleccións autonómicas, cando o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, “sexa presidente e a competencia veña para Galicia”.

Exit mobile version