Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reitera por terceira vez a Tomé que convoque unha xunta de voceiros para acordar unha declaración institucional a favor dos traballadores de Alcoa

O voceiro popular reitera “o noso apoio absoluto” aos traballadores de Alcoa “e insistimos en que a empresa ten que cumprir o acordo: os seus compromisos de investimentos para garantir a continuidade da produción de aluminio na Mariña e dos postos de traballo”

Xoves, 21 de decembro de 2023. Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo denuncian “a ausencia de resposta e total falta de tacto” de José Tomé que segue sen responder á chamada realizada a semana pasada (o mércores) polo voceiro popular para acordar unha declaración institucional en defensa dos traballadores de Alcoa, tal e como pediron os representantes dos traballadores no transcurso dunha xuntanza.

Antonio Ameijide recorda que se tentou facer esa petición ao presidente da Deputación, Jose Tomé, “atendendo ás peticións do comité de empresa” que durante esa reunión explicaron aos deputados populares “que a opción que mellor consideraban era que a Deputación de Lugo aprobase unha declaración institucional en apoio aos traballadores de Alcoa” para que todas as forzas políticas “remásemos na mesma dirección”.

Loxicamente, no Grupo Provincial Popular entendeuse que a proposta realizada polos representantes dos traballadores “era a mellor opción” polo que se realizou a chamada ao presidente da Deputación (aínda sen resposta) e tamén se pediu por correo electrónico a convocatoria dunha xunta de portavoces para tratar esa declaracións institucional.

No Grupo Provincial Popular “non entendemos a falta de resposta de Tomé, sobre todo nun tema tan importante coma este, xa que Alcoa é unha empresa fundamental para a economía da provincia”.

Ante a falta de resposta por parte de José Tomé, “hoxe rexistramos unha nova solicitude de convocatoria da xunta de voceiros, acompañada da posible declaracións institucional, pero, como é lóxico, estamos abertos a escoitar as opinións dos outros grupos políticos”.

Antonio Ameijide recorda que “como non podía ser doutro xeito, amosamos o noso apoio absoluto” aos traballadores desta factoría “e insistimos en que Alcoa ten que cumprir o acordo: os seus compromisos de investimentos para garantir a continuidade da produción de aluminio na Mariña e dos postos de traballo”.

Exit mobile version