Os deputados populares manteñen a man tendida e agardan poder consensuar con PSOE e BNG unha declaración institucional en apoio aos traballadores de Alcoa a continuidade da actividade e para que a empresa cumpra os acordos asinados de investimentos e continuidade da actividade
O portavoz, Antonio Ameijide, considera “unha pena” que ante un tema coma este no que “debemos ir da man e defender o mesmo obxectivo, o presidente da Deputación de Lugo non teña manifestado máis interese cando o que pedimos dende o Grupo Popular é unha reunión entre os portavoces dos tres grupos con representación na Deputación”. De feito, subliña que “ata a entrada do pleno de mañá estamos abertos a sentarnos con PSOE e BNG para acordar unha declaración en defensa dos empregos desta factoría”.
Os deputados do PP solicitaran por teléfono e por e-mail esa reunión o pasado 13 de decembro despois de manter unha xuntanza cos representantes dos traballadores na que puxeron de manifesto que o que consideraban máis axeitado era que a Deputación de Lugo aprobase unha declaración institucional. Ao non ter resposta, “reiteramos a solicitude a pasada semana por rexistro da Deputación de Lugo”.
A perda do permiso de acceso e conexión, tal e como comunicou Red Eléctrica, de cinco parques eólicos que dependen do Estado vencellados á produción de enerxía para abastecer a factoría mariñá a través da sinatura de contratos de subministro eléctrico a longo prazo (PPAs), súmase ao anuncio da multinacional sobre o aprazamento dos investimentos para o forno de cocción de ánodos.
Á vista destas últimas noticias a escasos días do prazo para o inicio da reactivación das cubas previsto para xaneiro do 2024, segundo o acordo asinado, e tendo en conta a importancia da actividade desta factoría para a economía da comarca e, por extensión, da provincia; os populares consideran urxente trasladar unha postura unánime dende a Deputación de Lugo en sinal de apoio aos traballadores e o mantemento da produción de aluminio primario na comarca.