Antonio Ameijide ve necesarios cambios no modelo de funcionamento deste órgano, algo que se podería facer, por exemplo, a través da creación das comisións de traballo contempladas e que nunca se puxeron en marcha
Lugo, 12 de decembro de 2023. O Consello Provincial de Turismo debe ser un órgano con contidos, no que se proporcione documentación aos asistentes e no que se tomen decisións polo ben da promoción da provincia de Lugo en lugar de ser un ente no que unicamente se promociona a figura de José Tomé e os seus escollidos do PSOE.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “non ten sentido seguir convocando este órgano se non se emprega adecuadamente”, unha afirmación que apoia en que no regulamento do Consello Provincial de Turismo se estipula que a Deputación debe realizar a difusión e promoción turística da provincia, “e non o están a facer”.
“Non se trata de convocar xuntanzas por cubrir o expediente (coa de hoxe son 13 as reunións do consello), nelas debe haber contidos, facilitarse documentación aos asistentes, algo que non se fai, ademais de ter creadas comisións de traballo que non se puxeron nunca en marcha e que serían moi útiles para atraer turismo a Lugo”, denunciou.
O goberno provincial non está a cumprir coas súas competencias en materia de turismo. Segundo o artigo 6 da Lei 7/2011 de turismo de Galicia, “corresponden a las entidades locales supramunicipales, sin perjuicio de las competencias establecidas por la legislación de régimen local, las siguientes atribuciones: La promoción de los recursos turísticos y geodestinos”.
PSOE e BNG empregan o Consello Provincial de Turismo para falar do que fixeron durante o 2023, “algo que xa sabemos pola páxina web da Deputación de Lugo porque ata hoxe non deron conta de nada”, unha realidade “moi triste” porque hoxe, indica Antonio Ameijide, “terían que ter empregado este órgano para explicar as liñas mestras de promoción da provincia para 2024 e debater entre todos sobre elas para chegar aos mellores acordos para atraer turistas á provincia”.
Tras esta xuntanza, Antonio Ameijide amosou a súa preocupación porque “estamos a pouco máis dun mes para Fitur e nada se sabe da promoción que pensan facer da provincia de Lugo, como tampouco informaron da axenda do presidente da Deputación nin da deputada delegada de Turismo sobre xuntanzas con touroperadores ou influencers para difundir a imaxe de Lugo”.
PLAN ESTRATÉXICO DE TURISMO 2017-2020
Antonio Ameijide tamén amosou o seu pesar porque o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 “non serviu para nada” e a realidade é que “é preciso actualizalo apostando polas novas tecnoloxías e dando cabida a moitos máis tipos de turismo, como o de deporte ou de aventura” para que poida ser totalmente efectivo.
O voceiro popular agarda “unha reacción inmediata” do goberno provincial en materia de turismo, xa que “conxelaron os fondos” para esta partida nos orzamentos do vindeiro ano “aínda que podemos considerar que baixan pola suba da inflación”.
Outro eido no que deberían de traballar dende PSOE e BNG é garantir que os turistas chegan a Lugo e poden desprazarse polo interior da provincia para chegar aos diferentes destinos. “Sen arranxar as estradas provinciais non poden dicir que apostan polo turismo”, criticou.
Finalmente, dende o Grupo Provincial Popular recordan como “xa era de prever” que se chegara a esta situación, ao recordar como “ninguén dentro do goberno provincial toma en serio o turismo como elemento xerador de riqueza” poñendo como exemplo que os premios do Consello Provincial de Turismo que unicamente entregaron en 2023 un galardón ao quedar desertas as outras seis categorías que se premiaban.