Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lamenta a “falta de interese de Tomé, PSOE e BNG por apoiar a continuidade da produción de aluminio na Mariña”

Os deputados populares mantiveron “a porta aberta e a man tendida” para acordar unha declaración institucional, incluso durante transcurso do pleno, e ante a falta de resposta presentaron unha moción pola vía de urxencia, pero o goberno provincial rexeitou debater

Lugo, 26 de decembro de 2023. Os deputados do Grupo Provincial Popular condenan “a falta de preocupación institucional” do equipo de goberno provincial na defensa dos traballadores de Alcoa. “Non tiveron a mínima preocupación para responder a algunha das tres peticións de xuntanza” realizadas polos populares para acordar unha declaración institucional na defensa do emprego e para que a empresa cumpra os acordos asinados de investimentos e continuidade da actividade, tal e como pediron os representantes dos traballadores.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia “as mentiras” do presidente da Deputación que hoxe durante o transcurso do pleno, “dixo que non recibira ningunha chamada miña, algo que é totalmente falso, xa que o chamei nada máis saír da reunión cos representantes dos traballadores”.

Desde o Grupo Provincial Popular solicitaron por teléfono e por e-mail esa reunión o pasado 13 de decembro despois de manter unha xuntanza con membros do comité de empresa e, ante a ausencia de resposta, reiteraron a solicitude a pasada semana por rexistro da Deputación de Lugo.

“A realidade é que nos deixamos a porta aberta e a man tendida para acordar unha declaración institucional ata o comezo do pleno e nin por esas tiveron a mínima preocupación dende o goberno provincial polos traballadores de Alcoa”, explicou.

Ante esta situación, dende o Grupo Provincial Popular rexistraron unha moción de urxencia para debater sobre este tema e chegar a un consenso na defensa dos traballadores pero “vimos como tamén se negaron a aprobar a urxencia da iniciativa e debater sobre ela”.

Os populares reiteran que “seguimos ao carón dos traballadores e defendendo os seus postos de traballo, polo que incidimos en que é necesario que a empresa cumpra co acordo asinado que incluía importantes investimentos co obxectivo de garantir o mantemento da actividade na planta da Mariña”.

FALTA DE COMPROMISO COA APERTURA DA RESIDENCIA DE BECERREÁ

O goberno provincial formado por PSOE e BNG tamén votou en contra de levar a cabo de xeito inmediato todos os trámites necesarios que garantan a posta en funcionamento do centro de día e residencial comarcal de Becerreá no vindeiro ano 2024. É dicir, “posiciónanse en contra do que piden os veciños dende a Plataforma Pro Residencia de Becerreá” porque “o proposta que o Grupo Provincial Popular trasladou ao pleno da Deputación de Lugo é exactamente o que demandan dende esta plataforma veciñal”, segundo subliñou o deputado, Jesús Núñez.

O popular lembrou durante o debate que “a residencia está construída pola Deputación de Lugo onde se investiu aproximadamente 4 M€. Rematada a finais do 2021, leva máis de ano e medio pechada e sen que o goberno provincial determine que tipo de xestión van a realizar nin que tipo de cociña van a poñer, algo que debería ser importante para aclarar como vai a funcionar”.

Os populares condenan que “a inacción do goberno provincial estea provocando o deterioro do edificio” e piden “dar rendibilidade á inversión poñendo en marcha o centro porque non se pode permitir esta Deputación e a comarca da Montaña seguir con estas instalacións deteriorándose”.

AUTOVÍA DA MARIÑA A-74

Os populares conseguiron a unanimidade do pleno para demandar ao Goberno do Estado a reactivar de inmediato o desbloqueo da A-74 presentando un cronograma con prazos e investimentos concretos, cunha data para a conclusión desta infraestrutura.

Antonio Ameijide tamén criticou “a nula congruencia” de PSOE e BNG que no pleno de novembro rexeitaron as emendas presentadas polo PP para incluír nunha moción dar celeridade ás obras da autovía da Mariña alegando que “non se deberían mesturar infraestruturas” despois de ver como hoxe “tanto socialistas como nacionalistas afirmaron que, ademais da A-74, habería que reclamar máis infraestruturas” para A Mariña e para a provincia.

Pese a isto, os deputados populares “demostramos altura de miras e responsabilidade institucional” xa que “o fundamental é que se melloren as infraestruturas na nosa provincia xa que o Goberno do Estado ten moitos debes que corrixir cos lucenses en materia de comunicacións”.

Exit mobile version