Os deputados populares abstivéronse porque “non podemos apoiar unha proposta de PSOE e BNG que é pobre, inxusta e urbanita” e así o amosaron acompañados por alcaldes e portavoces da provincia
Lugo, 26 de decembro de 2023. O Grupo Provincial Popular cre que “a mesma cantidade que se incrementou o orzamento da Deputación de Lugo para o 2024 tiña que dirixirse aos municipios a través dunha subida do plan de cooperación cos Concellos da provincia”. O portavoz, Antonio Ameijide, lamentou durante unha rolda de prensa na que participaron os deputados e tamén alcaldes e portavoces de toda a provincia que “a proposta urbanita do Plan Deputación do goberno provincial de PSOE e BNG é pobre e, aínda por riba, inxusta e por iso non o podemos apoiar”. De feito, os deputados do PP abstivéronse na votación.
“O que ata agora se coñecía como Plan Único é pobre porque conxela ou baixa a aportación da Deputación a 62 dos 67 Concellos da provincia (baixa a achega a 34 Concellos, máis da metade dos municipios da provincia) cando o orzamento da Deputación de Lugo se incrementou en preto de 6 M€. O presuposto subiu un 6%, pero o rebautizado como Plan Deputación só se incrementou nun 1%; a pesar de que os Concellos teñen que facer fronte a unha inflación bastante superior”.
O voceiro tamén incide en que “é inxusto porque lles sube a aportación aos 5 Concellos con maior poboación deixando de lado aos concellos pequenos, que son aos que debe apoiar especialmente a institución provincial segundo a Lei 7/1985 reguladora das bases do réxime local. Porque, incluso entre os restantes 28 aos que lles sube a aportación suman un total de 39.402 € entre todos (1.407 € de media a cada un); mentres que para os 5 máis poboados, curiosamente gobernados por socialistas ou ex socialistas, se lles incrementa 50.000 € a cada un (entre os 5 suman os 250.000 € que incrementa o coñecido como Plan Único)”.
Os populares lamentan que “o goberno provincial de PSOE e BNG se estea a rir dos veciños dos 62 Concellos da provincia” e amose un “claro desprezo polo rural” con un plan provincial “urbanita” ao que lle cambiaron a nome porque “o que lles interesa é a propaganda, tal e como o recoñecen coa súa xustificación do cambio de nome: para que a veciñanza identifique as obras e servizos que financia a institución provincial grazas a este programa”.
Ameijide sinala que “PSOE e BNG son capaces de facer inxusto o que debería ser xusto”. E o peor é que non parece acabar aquí porque a memoria do Plan Deputación avanza que “no vindeiro ano subirán o importe máximo a percibir polos Concellos noutros 50.000 €, é dicir, ata os 600.000 €, o que suporá que se beneficiarán de novo aquelas poboacións máis grandes”. Polo tanto, os deputados provinciais convidan ao goberno provincial a reflexionar antes de “perpetuar no pleno deste martes un novo desprezo á provincia”.
PROPOSTAS DO PP
O Grupo Provincial Popular ten defendido en varias ocasións un incremento dun 30% para o plan de cooperación cos Concellos, é dicir, uns 6,5M€ aproximadamente “que se poderían financiar cos fondos que o goberno que preside Tomé dirixiu este ano a convenios a dedo antes das eleccións municipais ou cos fondos nos que se incrementou o orzamento provincial para 2024”.
Os deputados populares tamén apostan por “incrementar ata o 90% o adianto deses fondos aos Concellos” tendo en conta que algúns non poderán adiantar a cantidade do total do investimento; e tamén propoñen “permitir destinar parte desta achega para gastos correntes” en función das necesidades de cada entidade local.