Os populares vense na obriga de denunciar publicamente, unha vez máis, o que é un novo exemplo de “non xestión” do goberno local
Esta “anomalía” no funcionamento súmase a que dende hai máis de quince días o servizo de jacuzzi tampouco pode ser empregado polos usuarios, á redución de horarios pola continua falta de persoal, ás goteiras existentes no ximnasio ou ás máquinas obsoletas e deterioradas.
Estas deficiencias, “que son consecuencia directa da mala xestión dos dirixentes locais e das que PSOE e BNG non dan explicacións”, están a provocar, segundo indican os populares, que se perdan abonados, cursos e competicións que, finalmente, migran a outros concellos da contorna.
SITUACIÓN CREADA EN 2015
A voceira e recente elixida presidenta do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, lamenta que “esteamos perdendo servizos de forma progresiva”. “Todos lembramos como en 2015, cando o Concello decidiu municipalizar a piscina sen facer previamente un estudo previo das necesidades; o que ocasionou naquel momento ata denuncias dos empregados contra á entidade local”, destaca a popular.
Dende PP, e co fin de buscar unha solución, instan á alcaldesa socialista a cubrir a franxa horaria con traballadores con media xornada no seu contrato, pois noutras ocasións, salienta Gueimunde, “tirouse dunha empresa para que contratara un socorrista e este lle facturaba ao Concello”.
Para os populares “estamos ante unha situación herdada pola falta de previsión no momento de sacar as prazas a concurso, pois cabe recordar que por lei non se pode abrir o vaso sen polo menos un socorrista”, conclúe a voceira do PP.