José María Fernández recorda á alcaldesa de Trabada que PSOE e BNG votaron en contra dos procedementos habilitados pola Xunta de Galicia para reforzar os cadros de persoal dos centros sanitarios no pleno do 24 de outubro de 2022 no Parlamento de Galicia
A alcaldesa de Trabada realizou onte un comunicado público a través da páxina web do Concello no que pedía á Xunta que repuxera o médico que vén de xubilarse no centro de saúde, pero, explica o voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, que a rexedora “esqueceu” explicar a todos os trabadenses que PSOE e BNG votaron en contra dos procedementos habilitados pola Xunta de Galicia para reforzar os cadros de persoal dos centros sanitarios.
“Votaron en contra da Lei de medidas extraordinarias para postos sanitarios de difícil cobertura no pleno do 24 de outubro de 2022 do Parlamento galego”, explicou José María Fernández.
Segundo esta normativa, o procedemento permite a contratación por concurso de méritos – sen oposición – para o persoal médico dos centros de saúde e hospitais comarcais que teñen dificultades para cubrir prazas vacantes pola ausencia ou insuficiencia de aspirantes na listas de contratación.
José María Fernández explicou que “somos sabedores da escaseza de médicos” que sofren todas as comunidades, non sendo Galicia unha excepción, “pero tamén queremos explicar aos veciños de Trabada que a Consellería de Sanidade está a facer un esforzo moi grande para que haxa persoal en todo o horario de atención dos centros de sanitarios”, dando así cumprimento ao compromiso do Partido Popular cos servizos públicos e, en especial, con dar unha atención sanitaria de calidade, “algo que tamén se ve reflectido nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024”.
José María Fernández recorda a todos os veciños de Trabada que “sempre estaremos ao seu carón para defender as súas reivindicacións, sempre que sexan xustas, do mesmo xeito que non entraremos no xogo da alcaldesa de facer política cun tema tan delicado como a saúde”.