José Manuel Balseiro lamentou que “a lentitude ou paralización de expedientes por parte deste organismo derivou na perda en Galicia do investimento de 35 millóns de euros de fondos europeos”
Na súa intervención, Balseiro lamentou que “neste momento o principal obstáculo para que Galicia dispoña de máis e mellores depuradoras para reducir os vertidos nas nosas rías é o comportamento que está a ter a Dirección Xeral da Costa e o Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”.
OBSTÁCULOS CONSTANTES
En concreto, manifestou que, “á hora de levar adiante unha obra hidráulica, concellos e Xunta están atopándose cos obstáculos desta Dirección Xeral pola interpretación da Lei de costas, con requirimentos continuos e peticións de documentación desproporcionada e extemporánea que complican o avance das obras; e a lentitude ou, directamente, a paralización na tramitación dos informes necesarios”.
Balseiro citou, a modo de exemplo, actuacións que se viron afectadas por este proceder da Dirección Xeral da Costa e o Mar: o novo emisario de Praceres en Pontevedra, que tardou 37 meses en enviar os informes; o saneamento de Foz, outro tanto tempo de retraso; case dous anos de espera para saber que non autorizaba as obras en Cabanas; ou 84 meses esperando por permisos para o saneamento de Viveiro.
“Estes retrasos teñen como consecuencia non desexada a perda de fondos europeos consignados no período operativo 2014-2020 para o saneamento das rías, que a Consellería de Infraestruturas ten cuantificado en 35 millóns de euros”, lamentou o deputado popular, quen afirmou que “se este organismo estatal aplicara criterios lóxicos e uniformes na súa interpretación das leis vixentes, hoxe as rías galegas xa estarían saneadas na súa totalidade”.
Por outra parte, José Manuel Balseiro salientou o traballo que vén desenvolvendo a Xunta por mellorar a calidade das augas das nosas rías, cun investimento de 1.100 millóns de euros en 10 anos que permitiron duplicar a capacidade de depuración e mellorar en todas as áreas a calidade das augas”. “Pero, para seguir avanzando, necesitamos a concorrencia, axuda e colaboración doutras administracións, algo que non está a acontecer coa Dirección Xeral da Costa e do Mar do Goberno central”, lamentou.