Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego pide ao Goberno central un marco de financiamento que reforce a competitividade das empresas do aluminio

Tamén se solicita promocionar a utilización do aluminio reciclado e materiais similares como elementos fundamentais para a transición cara a unha economía circular

Compostela, 22 de decembro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España un marco de financiamento que reforce a competitividade das empresas españolas do sector do aluminio no mercado común europeo e no contexto internacional, así como promocionar a utilización de aluminio reciclado e materiais similares como elementos fundamentais para a transición cara a unha economía circular en futuras modificacións do Código Técnico de Edificación. Ademais, pídese impulsar unha Estratexia Nacional de Industria Sostible para visibilizar a contribución da industria do aluminio á economía española, recoñecendo a industria galega como un polo de desenvolvemento, innovación e atracción de investimentos.

O portavoz popular de Industria, Moisés Rodríguez, afirmou que o sector do aluminio “enfróntase a desafíos significativos nun futuro incerto, como mellorar a competitividade e produtividade mediante a implantación de sistemas tecnolóxicos e de xestión avanzados, así como na transición cara á industria 5.0”. “Para abordar estes desafíos, resulta fundamental promover a cooperación empresarial e tecnolóxica nunha contorna administrativa que favoreza o desenvolvemento de actividades industriais e o investimento”, apuntou.

“Ao fomentar a industria do aluminio estaremos a promover a sustentabilidade, a redución de residuos e o impulso dunha economía circular máis robusta en España, ademais de garantir a independencia económica e a seguridade industrial do país”, manifestou.

Porén, Moisés Rodríguez lembrou que “os prezos enerxéticos aumentaron nun rango do 200 ao 300 por cento, colocando as empresas nunha situación cada vez máis complexa e cuxos efectos afectarían ao conxunto da economía do país”.

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

En vista desta situación, o portavoz popular considerou “fundamental adoptar medidas estratéxicas que impulsen o desenvolvemento sostible da industria do aluminio, tanto no ámbito nacional como europeo, o que permitirá fortalecer a competitividade do sector para os seus competidores comunitarios e internacionais, reforzar o marco de estabilidade enerxética e avanzar cara a un modelo económico medioambientalmente responsable”.

Moisés Rodríguez rematou lembrando que “o hándicap que presenta esta industria do aluminio é o seu marcado carácter electrointensivo” e referiuse en concreto á preocupante situación de Alcoa “ante a falta de resposta do Goberno de Pedro Sánchez, incapaz de aportar solución algunha”. “Desde o primeiro momento amosamos a nosa preocupación pola solución ao problema desta industria, cuxo orixe está no prezo da electricidade, onde o Goberno do Estado é o único con competencia e responsable de atopar unha saída”.

Exit mobile version