Cerca da metade dos 23 aeroxeneradores previstos estarían situados a menos de 500 metros dos núcleos de poboación, incumprindo a normativa vixente
Xermade, 12 de decembro de 2023. O Concello de Xermade organiza esta tarde (18.30h, CEIP local) unha xornada informativa para a veciñanza afectada pola instalación do futuro Parque Eólico de Santuario promovido por Enel Green Power España que, con 23 aeroxeneradores e 161 MW de potencia total instalada, afectaría unhas 8.278,45 hectáreas de terreos agrarios e forestais.
Participará Xavier Simón Fernández, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; xunto con María Montero Muñoz, profesora titular do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas na Universidade de Vigo e tamén integrante do OEGA.
Este encontro co Observatorio foi promovido polo goberno municipal debido á gran preocupación social existente pola dimensión do proxecto e porque os propietarios perciban unha contraprestación económica xusta pola ocupación das súas terras. Á vista da planimetría inicial, arredor de 10 dos 23 aeroxeneradores, estarían situados a menos de 500 metros de núcleos de poboación, incumprindo o Plan Sectorial Eólico de Galicia – Áreas de Desenvolvemento Eólico de 2002. Nesta liña, como recorda Simón, aínda que gran parte da superficie afectada por Santuario se atopa en zona da Reserva da Biosfera Terras do Miño, esta figura non conta cunha protección suficiente para impedir a instalación do parque.
A pesar de que a empresa promotora aínda non solicitou a declaración de utilidade pública (o que permitiría coñecer os datos de reais de ocupación, ademais de ser o trámite necesario para iniciar as expropiacións), segundo o informe independente encargado polo OEGA, Santuario comprometería durante os vindeiros 30 anos o uso de 8.278,45 hectáreas de terreo, o equivalente a uns 10.000 campos de fútbol profesionais.
Nesta superficie, denominada “zona de solapamento”, ningunha empresa competidora, nin ningunha empresa local, nin o Concello os as comunidades rurais locais, poderían instalar outro parque eólico. Desa superficie, unha parte cambiará de cualificación urbanística: 284 hectáreas serían as situadas arredor dos 23 aeroxeradores e 71,4 correspóndense coa protección das gabias de condución.
Renda rural xusta
Os prezos de 0,70 e de 0,35€ ofertados polos tres supostos de afectación (cimentacións; vías, gabias ou franxas de biomasa; e voo dos aeroxeneradores), non corrixirían a asimetría entre os beneficios esperados e a renda rural. “A Xermade vai chegar unha industria que vai investir 169.159.596M€ cunha previsión de facturación de case 40M€/ano, segundo os prezos da electricidade de novembro pasado, pero cunha gran descompensación económica para o bolso dos propietarios dos terreos e das familias”, avanza Xavier Simón e continúa. “As rendas para o rural de Xermade, con 0,70€ por metro cadrado de pleno dominio e 0,35€/m2 para as servidumes, apenas alcanzarán o 1% da facturación anual”.
Nesta situación, desde o Observatorio Eólico de Galicia recomendan aos propietarios “non ter presa” e, sobre todo, formar un grupo unido para negociar maiores prezos e apoiarse no Concello de Xermade como valedor dos seus dereitos e da veciñanza en conxunto.
Características técnicas
A potencia total instalada para o Parque Eólico de Santuario de 161 MW multiplicaría por cinco a dos outros tres parques eólicos existentes en Xermade. Estes son Sotavento (de 2001), Carballeira (2004) e Goia Peñote (2005) que, cunha facturación conxunta en 2022 duns 12M€ achegaron un canon total para os propietarios/as duns 119.000€ (menos do 1%).
Actualmente, o proxecto do Parque Eólico de Santuario conta coa primeira autorización e, tras a exposición inicial en xuño pasado e alegacións, o seguinte paso sería a exposición pública definitiva. A súa implantación, argumenta Xavier Simón, sería estratéxica para Enel Green Power xa que xunto con outros catro parques similares distribuídos entre o norte das provincias de Lugo e da Coruña alimentaría a infraestrutura enerxética das Pontes de García Rodríguez.