“A renovación e modernización das instalacións fomentará o transporte colectivo, mellorará a accesibilidade e achegará estes servizos ás zonas urbanas”
Lugo, 5 de decembro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou esta mañá que a creación do novo apeadoiro en San Cosme de Barreiros xa está en fase inicial tras o anuncio de Adif, que somete a exposición pública o proxecto de construción da nova configuración de vías e plataformas no tramo Ortigueira-Ribadeo. O anuncio contempla a necesidade de ocupación de terreos que serán expropiados co fin de crear este servizo, “dando cumprimento a un compromiso adquirido co concello de Barreiros”.
A subdelegada celebrou este avance destacando “a aposta do Goberno pola mellora das infraestruturas municipais, achegando servizos á poboación, facilitando a mobilidade e contribuíndo á cohesión dos territorios”. Neste senso, sinalou a importancia de “recoller as demandas dos concellos e darlles resposta”, concretando que o novo apeadoiro fomentará “o transporte colectivo e achegará o ferrocarril ao centro urbano”, ademais de mellorar o acceso ás instalacións ferroviarias.
A nova configuración de vías e plataformas que se realiza como consecuencia da supresión do bloqueo telefónico entre Ortigueira e Ribadeo tamén recolle a creación de novos apeadoiros en O Barqueiro e As Catedrais. Ademais, realizaranse melloras nas estacións de Viveiro e Burela xa que actualmente o cruce entre plataformas está ao mesmo nivel que o tráfico ferroviario. Co fin de dotar dunha maior seguridade aos usuarios, construiranse dous pasos inferiores nestas estacións. Tamén se crearán novas plataformas en O Barqueiro, Viveiro, Barreiros e As Catedrais, cumprindo cos requisitos técnicos de accesibilidade.
Isabel Rodríguez subliñou que “con este anuncio seguimos avanzando na modernización dos servizos públicos da provincia, cuestión que redundará positivamente na veciñanza dos municipios mariñaos polos que pasa esta liña, que contarán con mellores dotacións polo compromiso firme do Goberno cos lucenses”.