Viveiro, 25 de decembro de 2023. A concelleira de Promoción Económica de Viveiro, Iria Cotelo, xunto á tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, veñen de reunirse coas empresas do Parque Empresarial de Landrove.
Nesta reunión, tratáronse as distintas necesidades e actuacións a desenvolver no parque, entre as que se atopa a mellora da iluminación e da eficiencia enerxética. Dita actuación atópase encadrada na subvención para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais, para a cal se está a elaborar o proxecto necesario para conseguir esta axuda. Así mesmo, estase detallando a instalación da sinalización dos hidrantes xa existentes no parque.
A día de hoxe, Bermúdez indica que “se arranxou a depuradora do parque empresarial e se organizaron os desbroces para manter en condicións axeitadas as instalacións”.
A concelleira da área, Iria Cotelo, ten intención de reunirse con Xestur para coordinarse e traballar conxuntamente, xa que “as empresas do Parque de Landrove forman un motor fundamental na economía do concello, é prioritario atender as súas necesidades e avanzar na promoción e crecemento do parque empresarial”.