Os deputados populares defenden que “Alcoa cumpra o acordo: os seus compromisos de investimentos para garantir a continuidade da produción de aluminio e dos postos de traballo da planta na Mariña”
Atendendo ás peticións do comité de empresa, os populares propoñen que a Deputación de Lugo aprobe unha declaración institucional en apoio aos traballadores de Alcoa. De feito, os deputados trasladaron o seu “apoio absoluto aos traballadores da planta”.
Ameijide remarca que “esta planta é un importante motor económico non só para A Mariña; senón tamén para a provincia” e, polo tanto, “temos que traballar para que este motor non pare”. Así, “esiximos que Alcoa cumpra o acordo: os seus compromisos de investimentos para garantir a continuidade da produción de aluminio na Mariña e dos postos de traballo”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular convidan ao PSOE e BNG a “remar de forma conxunta” e “lanzar unha mensaxe de unidade e apoio aos traballadores aprobando, de forma consensuada, unha declaración institucional no vindeiro pleno”. Porque “en asuntos coma este todos debemos ir da man en defensa dun interese ou obxectivo común”.