O Pescados Rubén Burela FS lévase o primeiro partido do campionato ante o FC Marlène
Nun encontro dominado polo Burela durante os 40 minutos de xogo, comeza o Furacán Laranxa a soprar no minuto 1, cun golazo de Emilly por toda a escuadra nun disparo afastado. No minuto 5 Cilene aproveita un rexeite tras un disparo de Noelia Montoro que detén Jacky Reus e anota o 2-0. Continúa a presión do conxunto burelense ata o descanso sen goles.
Na segunda parte Aroa anota o 3-0 no minuto 24 nun rexeite provinte do conxunto rival que aproveita cun dereitazo. No 31 chega o 4-0 cun gol de Irene Samper dende a banda ao segundo pau e uns segundos despois volve a Máquina Emilly desde a frontal disparando e meténdoa entre os paus de Jacky de novo. Remata o encontro Kyara de Bruin metendo o 6-0 en propia meta nun rexeite tras un disparo de Patricia.
Preparadas para o partido de mañá ás 18.30 ante o SL Benfica, esperando sacar a espiña cravada na Copa Ibérica, competición na que o conxunto mariñán non conseguiu exceder ao equipo lisbonense. Nesta ocasión as de Julio Delgado poderán tentalo de novo arroupadas pola súa afección e familia, na casa.
Todos os partidos poden verse en directo por streaming (prepartido, partido e postpartido) a través desta ligazón (Locutados polo noso habitual Miguel Albo, coa especial colaboración de David Rial, adestrador do equipo masculino do Pescados Rubén Burela FS. Tamén vos acompaña o noso gran amigo, Joaquín): futsalwec.com/directo/
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – FC Marlène
Pescados Rubén Burela FS (6): Caridad; Dany, Irene Samper, Noelia Montoro, Emilly -quinteto inicial-, Cilene, Cami, Antía Pérez, Aroa, Rafinha, Patricia, Jozi Oliveira. Adestrador: Julio Delgado.
FC Marlène (0): Jacky Reus; Zoyla Barendse, Sanne Brand, Aaike Verschoor, Amy Visser -cinco inicial-, Isle de Jong, Juul van der Kolk, Simone Hand, Asmae Nabili, Kyara de Bruin, Nieki Pellens, Marese Meester. Adestrador: Mo Bouchibti
Goles: 1-0, min.1: Emilly. 2-0, min.5: Cilene. 3-0, min.24: Aroa. 4-0, min.31: Irene Samper. 5-0, min.32: Emilly. 6-0, min.37: Kayra de Bruin (PP).
Árbitros:Amor Vizoso, Castro Fernández, López Riveiros e García Vázquez.