Viveiro, 16 de decembro de 2023. O Concello de Viveiro fixo entrega da medalla de Ouro da Moi Noble e Moi Leal Cidade de Viveiro á Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro, con motivo do centenario da súa fundación.
Ao acto, celebrado no Teatro Pastor Díaz, asistiron o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares Bermúdez, e a subdelegada do goberno en Galicia, Isabel Rodríguez, que compartiron a mesa do escenario coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o patrón maior da confraría, Domingo Rey Seijas, e o seu secretario, Manuel Máximo Díaz Méndez.
“Viveiro e Celeiro son sinónimos de pesca, de xente do mar, por iso no acto de hoxe non só conmemoramos unha data simbólica, senon que esta cerimonia é tamén unha homenaxe a tantas familias e a tantas persoas do noso concello que adicaron a súa vida ao mar e á pesca, contribuíndo a facer deste sector o noso sinal de identidade”, asegurou María Loureiro.
“Falamos dunha entidade que leva 100 anos destacando pola súa contribución constante e en diferentes ámbitos á comunidade na que opera, ao pobo no que ten a súa sede e a súa actividade”, engadiu a alcaldesa.
“Grazas a todos e a todas as que dalgunha forma estades vinculadas á confraría de Celeiro, que seguirá cumprindo anos, décadas e séculos con total seguridade, loitando polo futuro da pesca e do mar, ou o que é o mesmo, loitando polo futuro do noso pobo, de Viveiro”, rematou Loureiro.