O concello obtivo unha subvención de 123.707 euros grazas ás xestions realizadas por parte da alcaldesa de Vilalba
Vilalba, 29 de decembro de 2023. O Concello de Vilalba obtivo unha subvención de 123.707 euros para poñer en marcha un novo Punto de Atención a Infancia (PAI) que dará servizo a 20 nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias.
A subvención da Xunta chega despois de meses de xestións por parte da alcaldesa, Marta Rouco, apoiando ademais as demandas dos pais e nais dos nenos e nenas que quedaron sen praza neste curso nas escolas infantís da vila.
Rouco mantivo varias reunións coas familias e coa Xunta “para solicitar á consellería o incremento das prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en Vilalba, que é unha competencia autonómica, pero o goberno galego díxonos que a día de hoxe a única solución pasaba por solicitar a subvención para o PAI”, apunta Rouco.
“É unha boa nova que a Xunta de Galicia apoie o comezo deste novo servizo, pero hai que ter en conta que a subvención chegará para facer as obras de construción do PAI e que debe ser o concello o que asuma despois a xestión e o mantemento”, afirma a alcaldesa, que remata lembrando que “os concellos non temos capacidade para asumir sempre competencias que non son nosas”.