Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Vilalba opta a fondos europeos cun proxecto para dixitalizar a rede municipal de auga e mellorar o servizo

“A dixitalización e sensorización da rede permitiríanos ter información en tempo real do estado da auga e das súas infraestruturas, mellorando o subministro e reducindo as perdas de auga”, explica a alcaldesa, Marta Rouco

Vilalba, 14 de decembro de 2023. O Concello de Vilalba aprobou en pleno optar a unha convocatoria do Goberno con fondos europeos cun proxecto para dixitalizar a rede municipal de auga, mellorando a calidade do servizo que reciben os veciños e veciñas.

A convocatoria forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE de dixitalización do ciclo da auga) do Ministerio para a Transición Ecoloxica (Miteco).

“O proxecto consiste en aplicar as tecnoloxías dixitais e da información para mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos relacionados co ciclo integral da auga, é dicir, a captación, distribución, tratamento e reutilización deste recurso”, explica a alcaldesa, Marta Rouco.

A través da empresa concesionaria do servizo, Espina e Delfín, Vilalba preséntase á convocatoria cos concellos de Boqueixón, Burela, Curtis, A Illa de Arousa, Melide, Mesía, Ordes e Sanxenxo. O importe do proxecto é de 1.556.349,69 euros e a subvención solicitada é de 1.500.000 euros.

“O proxecto opta a fondos europeos para impulsar a dixitalización e sensorización da rede coa instalación de equipos tecnolóxicos de última xeración, que permitirán un control exhaustivo dispoñendo de información precisa en tempo real do estado da auga e das súas infraestruturas, mellorando a eficiencia enerxética, a redución de perdas de auga, a información dos usuarios sobre o seu subministro e un adecuado control dos verquidos”, engade a alcaldesa.

“É prioritario para este goberno realizar actuacións para garantir o desenvolvemento sostible do concello; somos conscientes do elevado custo das actuacións e por iso agradecemos ao Goberno do Estado que poña esta ferramenta de colaboración público/privada ao noso alcance”, apunta.

“Queremos contar cos mecanismos que nos permitan a mellor xestión e anticiparnos ás problemáticas futuras que se poidan dar nos distintos eidos, respectando os ecosistemas e garantindo o cumprimento da lexislación”, remata Marta Rouco.

Exit mobile version