Os orzamentos contemplan o mantemento de servizos públicos básicos e recollen, dende a prudencia, actuacións nas distintas parroquias priorizando aquelas de maior necesidade”
Mondoñedo, a 4 de decembro de 2023. O Concello de Mondoñedo aprobou o orzamento para o ano 2024 que ascende a 3.814.618,50 euros cunha “forte aposta” polos servizos sociais. As contas municipais para o próximo exercicio estarán vixentes a comezos de ano de forma que “permitirán ao Concello seguir traballando con estabilidade e previsión, como se fixo todos estes anos dende o 2015”.
O orzamento reflicte o compromiso do Concello “coas persoas que máis o necesitan como maiores e dependentes”. De feito, o goberno local incrementa a partida dirixida a servizos sociais: “centraremos esforzos en manter uns servizos sociais dignos de admirar”, segundo subliña a concelleira de Facenda, Ángeles Rodríguez.
O goberno mindoniense continúa apostando tamén pola área Rexurbe de cara á dinamización económica e social do municipio e pola implantación de empresas no polígono industrial para favorecer a creación de postos de traballo. Neste eido, o Concello dirixe fondos propios a unha liña de axudas para o asentamento de actividade no polígono industrial.
Os orzamentos contemplan o mantemento dos servizos públicos básicos “imprescindibles para a cidadanía” como a recollida e o tratamento de residuos, a iluminación pública – garantindo un servizo eficiente reducindo ao máximo os custes- e o coidado das zonas axardinadas”. Igualmente, apostan por manter os servizos no ámbito cultural e deportivo atendendo ás necesidades e demandas sociais.
O goberno local trata de “actuar con prudencia” e conter o gasto en investimentos. Con todo, contempla desenvolver actuacións polas distintas parroquias como vén realizando nos últimos anos, “priorizando aquelas obras de máis necesidade”. Desenvolveranse con fondos procedentes doutras administracións e tamén con fondos propios. De ser necesario, efectuarán modificacións de créditos para aportar os fondos necesarios.