Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo recibiu o premio á mellor xestión deportiva

O galardón, que recolleu a rexedora, Dolores García Caramés, foi outorgado por AGAXEDE, na categoría de municipios de menos de 15.000 habitantes

Cervo, 19 de decembro de 2023. O Concello de Cervo vén de recibir o premio á mellor xestión deportiva na categoría de municipios de menos de 15.000 habitantes, que outorga AGAXEDE (Asociación Galega de Xestión Deportiva).

A rexedora, Dolores García Caramés, recolleu o galardón, acompañada polo edil de Deportes, David Rodríguez, na gala dos XIV Premios Galicia á Xestión Deportiva, que se celebrou na Coruña no marco do I Encontro da Xestión Deportiva de Galicia, que reuniu a un cento de persoas vencelladas a este mundo.

Na súa intervención, a alcaldesa agradeceu o recoñecemento e sinalou que “é un orgullo como alcaldesa poder recoller hoxe este premio que comparto especialmente con todos os deportistas e os clubs deportivos locais que son os principais artífices de que Cervo sexa referente nesta faceta”.

Neste senso, Caramés puxo de manifesto que somos un Concello privilexiado en instalacións …Coa única piscina olímpica da provincia, e tamén por exemplo coas únicas pistas de atletismo homologadas da Mariña luguesa que é a última instalación que vimos de inaugurar o pasado outubro…pero tamén privilexiado, especialmente, pola implicación dos clubs, dos deportistas locais e da veciñanza, -apostillou- que son os principais responsables de encher de vida eses espazos…que é ao final o máis importante…Que teñan vida propia”.

En cifras, a rexedora destacou que nos últimos dous anos “destinamos 1.800.000 euros á xestión deportiva municipal, entre subvencións anuais para axudar aos diferentes clubs, a programación de eventos, ou gastos de mantemento e construción de instalacións de primeiro nivel o que dá conta da importancia que ten o deporte en todas as súas facetas na axenda do goberno local”.

Caramés apuntou que é un recoñecemento que nos anima a seguir no mesmo camiño, comprometidos co deporte, e que nos fai ademais “especial ilusión porque todos os premiados levan un anaquiño de Cervo”, en alusión a que o premio foi unha figura de cerámica de Sargadelos e un diploma acreditativo.

Exit mobile version