Estase a actuar sobre o camiño que vai desde Verdellas a Saltos, para o que se reservou un orzamento de preto de 50.000 euros, procedentes das arcas municipais
Cervo, 21 de decembro de 2023. O Concello de Cervo está a executar estes días traballos de mellora na rede viaria do lugar de Gondrás, en concreto estarse a actuar sobre o camiño que une a zona de Verdellas con Saltos “facéndoo máis cómodo, seguro e accesible para a veciñanza”.
A rexedora, Dolores García Caramés, e a edil de Obras, Mali Méndez, achegáronse ata a zona para supervisar os traballos, en compañía do pedáneo de zona, Francisco Pinín.
A actuación, tal e como explicou a alcaldesa, abrangue unha superficie de 1250 m2, e contempla a reparación do firme co que conseguimos “mellorar a seguridade tanto do tráfico peonil como rodado”. Ademais, procederase a facer unha limpeza dos canos para facilitar o discorrer das augas pluviais.
A obra supón un orzamento de preto de 50.000 euros -47.892,05 euros concretamente- procedentes das arcas municipais e responde á filosofía que perseguimos desde o goberno de ir potenciando o noso rural, equilibrándoo coas zonas urbanas “con infraestruturas de calidade para a veciñanza e tamén para impulsar o establecemento de novas familias”.