A xuntanza tivo lugar no local da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, coñecido como “A Moncloa”, e asistiron 15 persoas para traballar sobre a mobilidade
Burela, 19 de decembro de 2023. O Concello de Burela celebrou o obradoiro de participación ‘Novas estratexias de mobilidade para Burela’, como parte dos traballos de elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) do municipio.
A xuntanza tivo lugar no local da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns de Burela coñecido como “A Moncloa”. O Concello agradece á asociación que esta ofrecese a súa colaboración prestando o seu local.
Ao obradoiro achegáronse 15 veciños e veciñas de diferentes idades, e formáronse tres grupos heteroxéneos de traballo, buscando representatividade de diversos sectores da poboación en canto a idade, xénero e ocupación.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, explica que “o Plan de Mobilidade servirá para detectar e dar solucións ás distintas problemáticas relacionadas coa seguridade, coa accesibilidade, ou cos conflitos de tráfico e de estacionamento”.
Establecéronse tres mesas en torno a distintos aspectos da mobilidade no concello, nas que se debateu, co acompañamento do persoal técnico, en torno a diversas temáticas.
Por unha banda, debateuse sobre “A cidade como espazo para a rapazada”. Nesta mesa avaliouse a mobilidade de Burela dende a perspectiva da mocidade: os seus percorridos habituais en torno aos centros escolares e áreas de xogo… Buscáronse maneiras de mellorar estes percorridos.
Por outra banda, debateuse sobre “Eficiencia no estacionamento”. Avaliáronse as necesidades de estacionamento en torno aos principais nodos de mobilidade, tratando de valorar as distancias e os percorridos que unen estes estacionamentos cos puntos de actividade próximos. Propúxose tamén un escenario de déficit 0 de prazas.
Finalmente tivo lugar tamén a mesa “Proposta aberta”. Sobre a base das propostas recollidas durante as fases de participación anteriores, como as entrevistas e a enquisa, recolléronse novas propostas relacionadas coa mobilidade e o espazo público do concello, priorizándose aquelas que as persoas participantes consideraron máis importantes.
Durante esta xornada realizáronse tamén distintos traballos técnicos. Fixéronse medicións dos fluxos circulatorios e de persoas en distintos puntos do municipio, e estudouse a saturación das principais zonas de estacionamento en distintas horas do día. Avaliáronse tamén as situacións de entrada e saída dos colexios e institutos nas horas punta da mañá e do mediodía.
As aportacións da poboación a través do proceso participativo, explica Carmela López, “contrastaranse coas análises técnicas para dar como resultado unha proposta coordinada de varias accións, as cales serán implementadas polo Concello nos próximos anos de cara a conseguir unha vila máis humana, máis sustentable e máis eficiente en termos de mobilidade para todas as persoas”.