Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela aproba a renovación do contrato do servizo de augas de cara á construción da nova EDAR

A alcaldesa de Burela, Carmela López, explica que un dos motivos para asinar de novo un contrato con Espina & Delfín para os vindeiros 5 anos é a previsible construción da nova estación depuradora

Burela, 13 de decembro de 2023. O Concello de Burela aprobou no pleno municipal, co voto a favor do PSdeG-PSOE e do BNG, a renovación do contrato do servizo de augas coa empresa Espina & Delfín por 5 anos máis.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, explica que un dos motivos de asinar de novo o contrato con Espina & Delfín para os vindeiros 5 anos é a previsible construción da nova EDAR, “como acredita a licitación nº OH.727.689 de Augas de Galicia, xa que a existente está totalmente obsoleta”.

“Levamos dende 2015 loitando por isto, e entendemos que ao longo destes 5 anos de prórroga do servizo debería comezar a obra, xa que depende de fondos europeos que probablemente se perdan de non ser gastados” explica a rexedora.

Ademais, o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, explica que o Concello incorporarase aos fondos PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica), o que “suporá máis de 1.300.000€ de inversión”.
“Entendemos que o servizo tería unha mellora importante e sería beneficioso para toda a veciñanza de Burela, permitindo ter un maior control sobre a auga que gastamos e mellorando o servizo”, sinala o concelleiro.

“Esta renovación tamén supón que a empresa terá que facer unha inversión, pagándonos un canon que ronda os 330.000€, cantidade que queremos empregar nunha serie de obras que xa temos estudadas para continuar a mellorar o servizo de augas”, explica Fernández Rey.

O concelleiro sinala que o servizo que agora se renova “está funcionando ben, é moi apreciado pola veciñanza e soluciona os problemas cando van aparecendo”.

“Somos, ademais, un dos concellos de Galicia que menos perdas de auga ten na rede superando o 80 % de eficiencia, gracias as obras e melloras feitas nos últimos anos”, destaca Fernández Rey.

“Moi poucos Concellos poden acadar estes datos, e o obxetivo con estas inversións é o de seguir mellorando neste senso”, engade o responsable de Obras. “Tal como está a situación co cambio climatico, e como se demostrou nestes últimos veráns, a auga vai ser un ben moi preciado, e non podemos permitir que se perda nin unha gota”, continúa.

“Burela é un referente neste eido gracias ó traballo feito polo Concello e a concesionaria”, conclúe Fernández Rey, polo que “o novo contrato con Espina & Delfín vai seguir tendo os mesmos termos que o anterior”.

Exit mobile version