Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta en Lourenzá a campaña en apoio ao comercio “Mellor Local, Mellor Galego”

“Apoiando o comercio de proximidade xeramos riqueza na Mariña donde temos comercio e produtos de primeira”

A Mariña, mércores 20 decembro 2023. O BNG vén de presentar en Lourenzá a campaña que desde a formación nacionalista veñen desenvolvendo nos últimos anos baixo o título de “Mellor Local, Mellor Galego”, unha campaña “en defensa do pequeno comercio, das feiras e mercados tradicionais, dos produtos galegos e da súa etiquetaxe na nosa lingua propia, en definitiva, en defensa do noso” tal e como afirmou Belén Fanego, a portavoz municipal do BNG na localidade laurentina, quen recordou que “Lourenzá é unha vila con gran tradición comercial e desde o BNG traballaremos para que o siga sendo”.

Propostas como o establecemento de liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade ou impulsar unha marca de calidade de identificación da orixe, dos produtos da horta galega e prezos xustos para o leite galego son algunhas das apostas do BNG para levar a cabo desde o goberno da Xunta, según explicou o deputado provincial Daniel García, quen lembrou que “ en Galiza temos unha terra e un mar únicos, con moita riqueza e potencialidade e producimos alimentos de extraordinaria calidade” polo que invitou a todos e todas as mariñás a “apostar polo noso”.

Campaña localidade a localidade

Desde o BNG comarcal Antonio Veiga informou que a campaña vai desenvolverse en todas as localidades da comarca con divulgación de folletos informativos entre a poboación e colocación de cartaces, elaboración de vídeos de apoio á campaña nas redes sociais e interlocución co sector do comercio.

“Desde o Bloque Nacionalista Galego defendemos que o consumo e a aposta polos produtos galegos ten que ser unha prioridade na política económica, de comercialización e mesmo de comunicación da Xunta de Galiza, temos comercio e produtos de primeira. No BNG témolo claro!” e recordou que desde o Bng levan tempo alertando da imposición por parte do goberno do PP na Xunta dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas comerciais de capital foráneo que pón en perigo ao noso comercio local, polo que “apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza en Galiza e na Mariña, para humanizar cidades e impedir a desertización das nosas vilas” afirmou.

Exit mobile version