Censura que o Goberno do PP teña regado de millóns de euros a unha empresa privada estadounidense “para que logo marche cando queira e como queira”
Santiago de Compostela, 20 de decembro, 2023. O deputado do BNG Daniel Castro acusou ao Goberno do PP de terse convertido “na mellor escudeira” de Alcoa e censurou que teña “regado de millóns” á multinacional estadounidense “para que logo marche cando queira e como queira”. Emprazou así á Xunta a deixar os “aloumiños” á empresa e a actuar “dunha vez” para asegurar o mantemento dos postos de traballo na planta de San Cibrao.
Daniel Castro preguntou no Pleno á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, polos plans do Goberno galego diante do anuncio feito por Alcoa o pasado 4 de decembro, cando comunicou aos seus traballadores e traballadoras a decisión de aprazar “temporalmente” a aprobación definitiva do proxecto de forno de cocción de ánodos. “A crónica dunha morte anunciada”, asegurou o deputado, que demostra que o BNG tiña razón cando reclamaba, como agora, unha posición máis firme ante a multinacional e cando, como agora, propuña a intervención pública como “única solución para evitar a perda de postos de traballo”.
O anuncio de Alcoa, destacou, supón un novo incumprimento dos acordos asinados “mentres a Xunta mira para outro lado”. “Agora resulta que multinacional que ten un oligopolio sobre o sector do alumnio mundial non ten fondos casualmente para facer a principal inversión que están obrigados a facer e que lle teñen que obrigar a facer”, apuntou.
Dani Castro preguntou á conselleira se vai haber un rearranque das cubas o día 1 de xaneiro e advertiu que “non pode mandar máis unha empresa americana asentada en San Cibrao cas administracións que gobernan sobre este territorio”. É por iso que reclamou que as administracións, tanto a galega como a estatal, deixen de exercer como un “verdadeiro choio” para empresas como Alcoa, que “reciben diñeiro sen obriga algunha, marchan cando queren, deixan a xente no paro e os custes ambientais xa son problema doutro”.