O PP volve votar en contra do establecemento dun fondo extraordinario con axudas directas para o sector afectado pola baixa produtividade das rías
Santiago de Compostela, 22 de decembro, 2023. A deputada do BNG Rosana Pérez censurou este venres a “desaparición” da Consellería do Mar diante da “situación extrema” que se está a vivir no sector do marisqueo pola perda de produtividade das rías. “Onde está a axilidade do Goberno galego para atender á súa xente? Onde estivo o Goberno do PP cando se produciron as mortaldades intensísimas de primeiros deste 2023? Onde estivo cando houbo un arrase absoluto no 2021? Desaparecido en combate”, afirmou durante a defensa da proposición non de lei que defendeu para reclamar á Xunta, unha vez máis, a creación de inmediato dun fondo extraordinario para atender aos traballadores e traballadoras do mar e ás propias confrarías afectadas pola situación actual das rías galegas.
O PP, de novo, votou en contra da iniciativa do Bloque, na que tamén se reclamaba a creación con carácter de urxencia dun comité de crise, formado polo propio Goberno galego xunto a representantes do sector e científicos do País para analizar “rigorosamente” as causas da perda de produtividade das rías e elaborar un plan plurianual de medidas que sirvan para poñerlle freo e comezar a reverter a situación biolóxica e económica das mesmas.
Rosana Pérez lamentou que a Xunta “siga sen poñer un peso” para paliar a situación e criticou que a “maquinaria de propaganda do PP” se limite neste caso a pedir a declaración de zona catastrófica ao Goberno do Estado, renunciando o Executivo galego a exercer as súas competencias, exclusivas, no marisqueo. “Hai un goberno galego, nominalmente polo menos, que non fai nada máis que reclamarlle ao Estado que faga, un goberno que nin consigue nin executa competencias”, agregou.
É por iso que o BNG rexeitou na comisión a emenda presentada polo PP para “substituir” o seu texto -“non engadir”, precisou Rosana- e limitar a iniciativa á petición de zona catastrófica, eliminando as petición de axudas urxentes e de creación dun gabinete de crisis.
“O discurso do PP é absolutamente invendible”, asegurou a deputada do BNG, que criticou que nin o actual conselleiro, Alfonso Villares, nin a anterior titular da Consellería, Rosa Quintana, “foron quen” de comparecer no Parlamento galego para falar dos episodios de mortaldade nas rías e a baixa produción que se vén producindo dende hai anos.