O programa de conciliación familiar, dirixido a crianzas de entre 3 e 12 anos, dará comezo o venres 22 de decembro e finalizará o venres 5 de xaneiro (ambos incluídos)
Cervo, 4 de decembro de 2023. O Concello de Cervo organiza para este Nadal unha nova edición do programa “Cervo Concilia”, que dará comezo o venres 22 de decembro.
Este programa, que está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, componse dun completo calendario de actividades educativas e lúdicas pensadas para entreter ás crianzas nestas datas de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias.
Estenderase durante as vacacións de Nadal, finalizando o 5 de xaneiro, en horario de 8:30 a 14:30 horas.
As inscricións están a disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello. O prazo para anotarse remata o 15 de decembro e as prazas son limitadas.
Tal e como apunta a rexedora, Dolores García Caramés: “cremos que este programa supón un apoio moi grande ás familias, permitindo tanto a pais como a nais conciliar a vida familiar e laboral nestas datas. Ademais, dotamos ás crianzas dunha gran variedade de actividades multidisciplinares nas que poder entreterse e aprender”.