O cuarteto vocal Son de Corda levará ao concello mariñán un repertorio baseado en poemas de seis autores lucenses tras pasar por Lugo, Parada do Courel, Monterroso e Outeiro de Rei
Poemas de Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela, Luis Pimentel e Darío Xohan Cabana conforman o repertorio destes concertos financiados pola área de Cultura da Deputación e que percorreron a provincia con concertos en Lugo, Parada do Courel, Monterroso e Outeiro de Rei.
O cuarteto Son de Corda está formado por Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor) e Antón Castro (baixo), que interpretarán composicións musicais de autores recoñecidos na nosa música como Paz Valverde, Xoán Fuertes, Miguel Lustres, Luis Emilio Batallán e Javier G. Jácome, con arranxos para piano de Alberto Vilas, Paulo Borges, Ana Vázquez e Nani García.
O proxecto “Na casa deles..” conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e inclúe tamén a gravación de curtas sobre cada un dos autores, que se proxectarán durante a actuación. Este proxecto terá continuidade o vindeiro ano con “Na casa delas”, un repertorio de cancións de mulleres poetas luguesas.