O cuarteto vocal Son de Corda levará ao concello mariñán un repertorio baseado en poemas de seis autores lucenses tras pasar por Lugo, Parada do Courel, Monterroso e Outeiro de Rei
Lugo, 20 de decembro de 2023. O auditorio municipal Pascual Veiga de Mondoñedo acolle este venres, 22 de decembro, ás 20 horas o último concerto do ciclo “Na casa deles…”, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A área de Cultura da institución provincial achega á Mariña a música do cuarteto vocal Son de Corda, que interpretará un repertorio de cancións sobre poemas de seis escritores lucenses nas súas localidades natais ou de referencia.
Poemas de Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela, Luis Pimentel e Darío Xohan Cabana conforman o repertorio destes concertos financiados pola área de Cultura da Deputación e que percorreron a provincia con concertos en Lugo, Parada do Courel, Monterroso e Outeiro de Rei.
O cuarteto Son de Corda está formado por Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor) e Antón Castro (baixo), que interpretarán composicións musicais de autores recoñecidos na nosa música como Paz Valverde, Xoán Fuertes, Miguel Lustres, Luis Emilio Batallán e Javier G. Jácome, con arranxos para piano de Alberto Vilas, Paulo Borges, Ana Vázquez e Nani García.
O proxecto “Na casa deles..” conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e inclúe tamén a gravación de curtas sobre cada un dos autores, que se proxectarán durante a actuación. Este proxecto terá continuidade o vindeiro ano con “Na casa delas”, un repertorio de cancións de mulleres poetas luguesas.