Ribadeo, 13 de decembro, 2023. O colectivo de pensionistas da Mariña de MODEPEN -Movemento de Pensionsitas de Galicia- ven analizando dende hai varias semanas a ubicación do futuro Centro de Saúde que proxectan a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo. Como é sabido a localización elexida para ese proxecto sería nuns terreos enfrote da estación de servizo, ou sexa a un kilómetro do centro actual e do casco urbano e zona comercial de Ribadeo. Dende o noso ponto de vista esa localización presenta graves inconvintes para os usuarios e usuarias do devandito servizo.
Fundamentalmente pola distancia e tamén polas dificultades de acceso ao mesmo, circunstancias especialmente gravosas para as persoas da terceira edade, como tamén para o resto da veciñanza. No concello de Ribadeo residen mais de 3000 persoas de mais de 65 anos e arredor de un 75-80 % teñen a sua vivenda habitual no casco urbano.
Moitos deles temos que acudir a cotío aos servizos sanitarios por razóns obvias. Entre 60-70 persoas preséntanse a diario a facer análisis e unhas 500 ou mais van ao centro por outros motivos.
Por outra banda todos sabemos que no centro de casco urbano hai moitos espazos e solares valeiros que poderían servir para construir ou instalar un novo centro de saúde, sen necesidade de ter que desplazarse a un ponto tan lonxano e tan incómodo ou mesmo perigoso como o que se proxecta. Folga suliñar que moitas persoas terían que desplazarse en automóvil dependendo de familiares, veciños ou taxis. Tampouco entendemos, nen coñecemos informes que acrediten as dificultades que podería ter a reforma e a modernizacióin do centro actual, seguramente moito menos costosa que a construcción de un novo equipamento.
Por estes motivos temos solicitado unha entrevista co Sr. Alcalde ou persoa na que delegue dende o día 14 de Novembro pp sen recibir resposta ata o día de hoxe. Asemade damos conta de que no pleno do Concello do pasado día 4 de Decembro aprobouse unha partida de 250.000 euros dentro dos presupostos de 2024 para financiar a merca dos devaditos terreos enfronte da estación de servizo.
Pola nosa banda seguiremos agardando a resposta do Sr. Alcalde e anunciamos que iniciaremos actividades sociais para informar á veciñanza deste proxecto e da importancia, para todos e todas, de que se busque unha nova ubicación do futuro centro de saude de Ribadeo ou ben se acometa a reforma e modernización do actual.