O rexedor comentou que “entramos de cheo no Nadal e en Ribadeo seguimos coa ampla programación, que desde o Concello quixemos elaborar, programar e informar a todos para conseguir que o Nadal de Ribadeo se convertese nese elemento dinamizador da nosa economía.Quixemos ter actividades para todos os públicos. Recordade que seguen a pista de xeo e RibaXogo”. Fano co mesmo horario de tarde de 16:30 a 21 horas ata o 31 de decembro. E do 2 ao 7 de xaneiro de 12 a 14 horas polas mañás e de 16:30 a 21: horas polas tardes. A pista de xeo estará pechada o 24 de decembro e o 1 de xaneiro.
Vega indicou que “mañá, sábado, as nenas e os nenos teñen unha cita co primeiro musical importante que chega a Ribadeo. Trátase de La Gran Aventura de los Reyes Magos, a partir das cinco da tarde, no auditorio municipal Hernán Naval. E pola noitiña, ás nove menos cuarto teremos o Festival de Panxoliñas na igrexa parroquial de Ribadeo”.
O alcalde seguiu a relatar que “para a vindeira semana haberá cine de Nadal os días 26 e 27 de decembro. Tamén haberá actividade deportiva. Así o día 29 está repleto de actividades. Pola mañá terá lugar a I Marcha Interxeneracional San Silvestre pola accesibilidade e a inclusión, que dará comezo ás doce do mediodía. Ás oito e media a Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá no auditorio o seu concerto de Nadal Aquí como en Viena”.
A programación de Nadal de Ribadeo inclúe unha festa no Cantón: “teremos novidades tamén este Nadal. Ás oito da tarde do 29 de decembro dará comezo na carpa instalada no Cantón dos Moreno a primeira festa pre-fin de ano, cunha noite de versións musicais. Queremos agradecerlle á asociación Catro Canos todo o traballo que está a realizar para conseguir que esta novidade se converta nun éxito e continúe no tempo. E remataremos o ano o día 31 coa trixésima edición da Carreira San Silvestre a partir das cinco da tarde”.
Daniel Vega engadiu que “entre todos estamos a facer que este sexa un Nadal distinto, novidoso, con moita actividade e que veña moita xente visitarnos. E iso tradúcese en que a actividade económica anímase e iso é moi bo para o noso pobo. Entre todos estamos a converter a Ribadeo nun Nadal de referencia”.