Lourenzá, 11 de decembro, 2023. A compañía lucense Ítaca Teatro presentará, o vindeiro 16 de decembro, a súa peza Anacos no Multiusos Ponte de Cuñas de Lourenzá, dentro da Gala de entrega de premios e Clausura do V Certame de Teatro de Lourenzá.
Anacos é un espectáculo de narración oral no que Carlos Rebolo, o contador de historias, preséntanos varios contos de autobiografía ficcionada nos que as lembranzas irán aparecendo sen pedir permiso. Un cheiro, un sabor, unha foto, os primeiros acordes dunha canción ou mesmo o silencio dunha tarde invádenos e convídanos a viaxar pola memoria. Así, pouco a pouco, van agromado imaxes que nos levan a outros tempos vividos e fannos andar por camiños xa transitados. Cando estamos en soidade adoitamos gozalos saboreando ese instante que flota no aire e se instala na alma. Cando estamos en compañía tratamos de reconstruilos con palabras para compartir as historias que se gardan neses anacos.
Con este espectáculo da compañía profesional luguesa porase o colofón ao V Certame de Teatro de Lourenzá polo que pasaron, durante todo o mes de novembro, compañías teatrais das catro provincias galegas.
A Gala comezará ás 20 horas e, tras a entrega de premios, Carlos Rebolo contaranos eses Anacos da súa vida.
Máis información en www.itacateatro.com