A subdelegada do Goberno en Lugo preside o acto institucional polo 45 aniversario da Constitución
Lugo, 6 de decembro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que o marco constitucional está fundamentado nun acordo de convivencia democrática consolidado hai máis de catro décadas a través de valores fundamentais como o consenso e o diálogo entre diferentes. Así o expresou durante o acto institucional do 45º aniversario da Constitución Española, que tivo lugar na sala de xuntas da subdelegación do Goberno en Lugo.
Isabel Rodríguez apuntou que a Constitución Española aprobada en 1978 recolle “en termos xurídicos e políticos a protección das liberdades públicas e dos dereitos cidadáns, o asentamento das institucións da nosa democracia e a cristalización dos territorios como suxeitos de autonomía política”, motivo polo cal “se xustifica esta celebración cada 6 de decembro”.
“Nesta mesma data de hai 45 anos, o pobo español antepuxo o diálogo, a concordia, o consenso, o perdón e a paz social para debuxar a senda a seguir sen deixar a ninguén nas marxes, creando esta Carta Magna como patrimonio común de todas e todos”. Defendeu así mesmo que a única saída ante as problemáticas sociais e a discrepancia política é “o entendemento, porque somos herdeiros dun compromiso férreo arredor da convivencia e o respecto”, en alusión ao espírito da Transición “que rematou cunha das épocas máis sombrías da nosa historia”. Sinalou neste punto que “hai 45 anos redactouse a Constitución sobre unha páxina en branco, lección que nunca debemos esquecer”, porque os acordos entre posturas dificilmente reconciliables “ás veces son os que máis valor engaden”.
Transformacións sociais
Isabel Rodríguez afirmou que foron “moitas e moi profundas as transformacións sociais desde aquel decembro de 1978”, destacando o desenvolvemento de “leis que situaron ao noso país á vangarda dos dereitos civís, como a de igualdade entre os sexos, dereitos para colectivos discriminados, recoñecemento e protección da discapacidade ou consolidación de pactos de estado como o da violencia machista”.
Porén, remarcou que “aínda que debemos sentirnos orgullosos do percorrido, sería un erro considerar que a Constitución xa cumpriu co seu cometido histórico, pois o sistema democrático instaurado ao abeiro desta Lei Fundamental debe evolucionar xunto cos valores sociais e o cambio de necesidades e problemáticas da cidadanía”.
Cumprir a Constitución
A subdelegada asegurou que o cumprimento da Constitución ocupa na actualidade parte da conversa pública do país, facendo fincapé en que unha boa forma de celebrar este día “é promovendo a lealdade institucional entre administracións, porque ningún avance social se consegue co inmobilismo ou con retóricas incendiarias afastadas do consenso”.
No pronunciamento do seu discurso aseverou que “cumprir a Constitución é avanzar e progresar, atendendo a novos retos que xa veñen recollidos no texto e que deben traspasar con urxencia á realidade, como a protección do medio ambiente pola emerxencia climática, o dereito a unha vivenda digna, o recoñecemento lingüístico e cultural dos pobos, o fortalecemento e a calidade dos sistemas públicos de educación e sanidade, entre outros”. Afirmou que “defender todo isto é defender a constitución”.
Perspectiva de xénero
Isabel Rodríguez quixo achegar un dato aos presentes: “a carta magna tivo sete pais e ningunha nai, aínda que no artigo 14 garantiu a igualdade de todas as persoas independentemente do seu sexo”. Explicou que “grazas á evolución da sociedade, ao desenvolvemento normativo e á loita feminista, mulleres coma min, hoxe, desenvolvemos postos de representación institucional e ocupamos con normalidade a esfera pública que durante tanto tempo se nos foi negada”.
Concluíu afirmando que “non existe democracia sen a participación activa da metade da poboación, e iso é o mellor agasallo que lles podemos deixar ás xeracións máis novas”.
Acto institucional
A subdelegación do Goberno celebrou hoxe a conmemoración do 45 aniversario da Constitución cun acto que reuniu a máis dun centenar de autoridades e persoas convidadas, entre as que estaban o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o deputado no Congreso, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Deputación, José Tomé; a vicepresidenta 1ª do Parlamento galego, Elena Candia; o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga; entre outros.