Burela, 19 de decembro de 2023. O Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2023 internarase nas aulas do IES Monte Castelo este xoves, 21 de decembro. Farao da man do multidisplinario Héctor Manasé.
O artista burelao compartirá a súa sabedoría na fotografía urbana co estudantado nesta iniciativa da Fundación Imdecum que conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.
Concurso aberto ata o 30 de decembro
O prazo límite para recepción das imaxes do concurso Imaxiña 2023 será o sábado 30 de decembro (ata as 00.00 horas).
Nesta edición, coma nas anteriores, estarán dispoñibles dúas categorías. A de Estudantes terá aberta a participación de nove centros educativos de Secundaria da bisbarra comarca mariñá: IES Alfoz-O Valadouro, IES Marqués de Sargadelos, IES Perdouro, IES Monte Castelo, IES María Sarmiento, IES Vilar Ponte, IES Dionisio Gamallo, IES Illa de Sarón e IES de Foz. Na categoría de Asociacións participarán ASPANANE, Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña e Asociación Camiña.
Cada categoría contará cun premio, un vale por 150€ para gastar en material fotográfico ou informático en Informática Lindín.
Xunto a Héctor Manasé e o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, a 13ª edición do concurso contará tamén co criterio do burelao David Mon, director de Kaito Estudios SL, e da fotógrafa cervense Sabela Blanco, colaboradora habitual do certame.