Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado dá comezo en Trabada o programa de Xeoturismo da Mancomunidade

A Mariña, 27 de decembro de 2023. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense pon en marcha un programa de Xeoturismo a través do Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que arrincará este sábado, día 30. Deste xeito avanza na execución do PST, que está cofinanciado pola Mancomunidade, co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

O programa de Xeoturismo inclúe rutas e visitas xeolóxicas guiadas, tamén con motivo do Xeolodía, e formación. A adxudicación recaeu nun equipo técnico e consultor conformado por expertos guías, xeólogos e intérpretes do patrimonio coordinados pola empresa de turismo activo e axencia de viaxes Volta Montana.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explicou hai uns días que “este programa de xeoturismo, que comeza agora e seguirá durante o 2024, está composto de catro piares: un calendario de actividades de xeoturismo como xeorutas e visitas guiadas, tamén con motivo do Xeolodía 2024, unha serie de accións formativas destinadas a xestores do territorio, informadores e técnicos de turismo, guías e empresas de actividades turísticas e unha proposta de ubicación de elementos de sinalización de temática xeolóxica e de baixo impacto visual”.

López dixo que “inauguraremos este proxecto organizando unha primeira actividade de xeoturismo este sábado, 30 de decembro. Será por Trabada, na parroquia de Vilapena, baixo o nome de Xeoruta de Cerrochán, guiada polo xeólogo Iván Lombardero. Unha ruta que levará aos participantes ata o Alto de Cerrochán, permitirá coñecer e entender tanto aspectos xeolóxicos coma da paisaxe do lugar e desfrutar dunhas impresionantes vistas dende o cumio”.

A xerente do PSTD, Tania Hermida, indicou que “está previsto que o forte do calendario de actividades de xeoturismo, que serán un total de 22, teñan lugar durante os meses de marzo, abril, maio, xuño e setembro. Aínda que xa en xaneiro e febreiro se desenvolverán 4 accións. E as formacións programaranse en tempada baixa, de febreiro a marzo, para facilitar a asistencia dos profesionais interesados”.

Hermida subliñou que “se trata dunha oferta turística que neste caso ten na xeoloxía o motivo principal de atracción, pero que ademais é un turismo que trata de apoiar e mellorar a identidade dun territorio considerando outros aspectos como o medio ambiente, a cultura, os residentes, etc”.

Exit mobile version