O Nadal ven cada vez máis anticipado. É unha frase que xa se volveu crónica. Das luces á venda de turróns, pasando polas felicitacións, todo ou case todo parece apoiala.
Pode que desentoe o apoio da temperie. Pero iso non é humano, aínda que sexamos nós quen marquemos a pauta para o cambio. Ou pode que as guerras, pero as que chamarían máis a atención aquí están ‘lonxe’ por moito que sexan sobre o mesmo terruño de planeta no que vivimos, e non se ven máis que por televisión capada polos propios exércitos (cando menos). En troques, neste 2023, tivemos outro adianto de Nadal, en forma de agasallo especial: as previstas eleccións en Galicia.
18F. Parece nome dun arma de combate, os Phantom F18 que hai uns anos eran a insignia aérea do exército español permitida polos norteamericanos. Pero non, son as siglas, nome en clave das próximas eleccións galegas, dado en función da data do 18 de febreiro para a que foron convocadas. Unhas eleccións que se teñen comentado ‘en clave de’ separación temporal das vascas, algo así como se a coordinación de datas en convocatorias anteriores fora unha especie de UTE, unidade temporal de empresas, para acometer unha obra. Ou ‘en clave de’ apoio a un líder dun partido que polo momento non conseguiu o que quería. Entre outros ‘en clave de’ posibles.
Despois dunha auténtica precampaña de meses, entramos no período de campaña sen chamarse campaña de xeito oficial, que queda por lei encalzada nas dúas semanas previas ás eleccións. Ditada a convocatoria antes do 24/25 de decembro, xa está na rúa dende o mesmo día a nova de que todo o mundo esta preparado. Ese todo o mundo inclúe como moito tres partidos, que aínda que se pretenda, queda claro que deixan fóra do club outras formacións políticas que si, quixeran estar aí. Claro que a veciñanza do anuncio ó 28F, o día dos inocentes, parece unha sinal clara de que a nosa presunta inocencia vai ter que cargar con moitas inocentadas.
18F ou 20240218? A segunda é unha forma de poñer a data exacta da convocatoria, mentres a primeira sería a máis ‘in the wave’, ‘na onda’ da política que se pretende facer guai mentres se dilúe o significado de ‘política’. Ambos, un adianto, a modo de título, de diferentes visións comunicadas. Pretensións diferentes de xeitos de ver a realidade e o futuro do país. Unha realidade que pode ser interpretable (serao), pero que é única. E unha data que, unhavez decidida, tamén o será, póñase na nomenclatura que se queira.