Ribadeo, 29 de decembro de 2023. Concello e Xunta colaboran para mellorar o porto de Ribadeo. O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración positiva da visita realizada esta tarde polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
O rexedor fixo unha valoración moi positiva “de todo o traballo que está a realizar a Consellería do Mar con este Concello. Nosoutros sempre reivindicamos que a colaboración institucional é que a trae réditos para Ribadeo. Ese traballo conxunto entre administración é o que ten realmente importancia no día a día da xestión”.
Vega dixo que “nos seguiremos traballando con todas as administracións e neste caso xa levamos tempo facéndoo coa Consellería do Mar, coa anterior conselleira Rosa Quintana, e tamén con Alfonso Villares, o novo conselleiro do Mar. Coa autoridade que ten as competencias no porto, que é Portos de Galicia, estamos satisfeitos e traballamos conxuntamente para mellorar toda a infraestrutura”.
O alcalde contou que “este caso é unha reivindicación que xa levaba tempo, nosoutros xa o xestionamos desde a oposición, reivindicámoslle a Portos de Galicia que debía iluminar toda esta zona do porto comercial. Fixemos un traballo serio e en conxunto, primeiro fixemos un estudo de cantos puntos de luz se ían instalar, foron 13 as luminarias instaladas, e todo ese espazo vai estar iluminado porque era necesario e era de xustiza que se fixera esta obra. Son 50.000 euros de inversión e vai dentro dunhas melloras de toda a zona portuaria, que contan cun investimento total de 200.000 euros. Houbo actuacións no entorno da lonxa con ese novo aglomerado e agora vaise modernizar toda a zona portuaria náutico-deportiva co cambio de macetas, bancos…”.
Dani Vega indicou que “tamén valoramos de xeito moi positivo o dragado da ría de Ribadeo. Nos levabamos moito tempo dicindo con moita claridade que o dragado é algo importante para potenciar a economía da nosa vila. Temos claro que a zona portuaria, tanto a comercial como a náutico-deportiva e tamén a pesqueira, debemos apoiala e unha forma clara de facelo é co dragado, con esa inversión que supera os 2 millóns de euros”.
E engadiu: “este traballo conxunto coa administración autonómica, neste caso coa Consellería do Mar, está dando os seus froitos e imos seguir nesta colaboración permanente para xestionar orzamento e seguir mellorando tanto a zona portuaria como moitas rúas, nas que estamos a traballar e que tamén son competencia da Xunta de Galicia”.